URBANISMO

Aprobado o proxecto de urbanización das Cancelas

19/06/2006 A Xunta de Goberno local aprobou inicialmente o proxecto de urbanización do solo SUNP-4, Camiño Francés-As Cancelas, onde se construirá unha gran superficie comercial, ademais de vivendas. O proxecto será agora sometido a exposición pública e, concluído o proceso de alegacións, será sometido á aprobación definitiva. Deste xeito, as obras poderían comezar no último trimestre deste ano e estar rematadas a finais de 2008.

O proxecto de urbanización afectará a unha superficie de 144.203 metros cadrados, dos que 48.363 estarán reservados para a área comercial. Construiranse unhas 76 vivendas de uso plurifamiliar e outras 20 de uso unifamiliar. En total, para este uso residencial destinaranse 7.291 metros cadrados e plurifamiliares. Haberá 24.920 metros cadrados de zonas verdes e outros 28.889 para diversos espazos libres públicos.

Na área comercial habilitarase un aparcadoiro subterráneo con 1.200 prazas e habilitarase outro público en superficie para 1.100 vehículos e acceso gratuíto. Ademais dun gran hipermercado de 7.000 metros cadrados, a área comercial contará con oficinas, tendas e establecementos de ocio.

A actuación neste solo inclúe a apertura de varios vieiros, entre os que destaca un que unirá o campo de fútbol das Cancelas co cruce de Monte dos Postes. Deste xeito, esta ampla avenida conectará esta nova área con Fontiñas.

Compartir: