XUNTA DE GOBERNO

Concello e Xunta financiarán a partes iguais a revisión do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica

20/06/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, deu o visto boa o convenio que asinarán Concello e Xunta para o financiamento da revisión do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela.

Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, María Pardo, o Consello da Xunta xa ratificou tamén este acordo, que se asinará en breve, mediante o que as administracións autonómica e municipal financiarán a partes iguais os 453.200 euros nos que está presupostada esta revisión do Plan Especial. A edil lembrou os bos resultados que deu o actual Plan, que data de 1997, pero incidiu na necesidade de actualizalo.

Educación
Na mesma sesión tamén se deu conta da apertura da Escola Infantil de Meixonfrío-Salgueiriños para atender as necesidades de conciliación no mes de agosto por mor do peche das escolas de Conxo e Fontiñas nese mes. Tomouse esta decisión á vista da sondaxe realizada en abril entre as familias. Así, farán uso da Escola de Meixonfrío en agosto 20 familias. Outras 10 solicitaron quincenas.

Obras
En materia de obras, aprobouse a solicitude á Deputación da Coruña da retirada dunha obra para o POS 2013 (mellora e acondicionamento de vieiros nas parroquias de Cesar, Berdía, A Barciela e San Caetano) para incluír o proxecto de pavimentación de vías públicas municipais en Pousada, Candelaria, Barciela, Berdía e As Pereiras.

Tamén en relación ao POS 2013, aprobouse o compromiso coa Deputación de adxudicar antes do 1 de outubro de 2013 as obras de mellora e acondicionamento de vías na parroquia de Sabugueira, en Castro (Bando), no Eixo, na parroquia de Bando, na de Marantes e en Frades (Barciela). Tamén se asume o compromiso para a ampliación da rede de saneamento e abastecemento en Lavacolla, e de saneamento na Silvouta e en Sarela de Arriba (A Peregrina).

En relación ao POS 2012, acordouse destinar 26.499 euros procedentes de baixas nas adxudicacións a unha obra de reforzo de firme en Frades (Enfesta). A intervención afectará a 600 metros lineais e durarán mes e medio.

Documentos relacionados



Compartir: