PARTICIPACIÓN CIDADÁ E CENTROS SOCIOCULTURAIS

Case 1.200 persoas participaron nas 58 rutas de "Cultura Viva. Fai túa Compostela"

20/06/2013 O sábado 22 de xuño, cun percorrido polas parroquias de Enfesta, Marantes, Nemenzo e Verdía, remata a exitosa primeira edición do programa de rutas didácticas Cultura viva. Fai túa Compostela, promovido polas concellerías de Centros Socioculturais e de Participación Cidadá. 1.160 persoas participaron nestas rutas, nas que houbo lista de espera.

Cultura Viva. Fai túa Compostela é un proxecto educativo, participativo, de divulgación e participación social do patrimonio cultural, material e inmaterial existente no Concello de Santiago. Do programa, o concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, destacou o progresivo aumento de demanda en cada fase do proxecto. Así, no último trimestre, en moitas das saídas houbo un 60% máis de inscritos que prazas dispoñibles, o que tamén explica a repetición de moitas das rutas.

Segundo o edil, os participantes tamén corroboraron a idoneidade dos contados propostos, tal como se reflectiu nas enquisas de avaliación de cada ruta. Ademais, salientou a implicación de todo o entramado sociocultural e dos axentes veciñais, culturais e sociais, o que supuxo máis de cen persoas mobilizadas no proxecto.

Cultura Viva. Fai túa Compostela desenvolveuse durante nove meses: de setembro a decembro de 2012, de febreiro a abril de 2013 e de abril a xuño de 2013. Foron 58 rutas en total (23, 17 e 18 por trimestre, respectivamente), nas que se inscribiron 1.425 persoas. Había 1.160 prazas dispoñibles, polo que se fixeron listas de agarda para case todas as rutas.

Achegamento ao rural e colaboración cidadá
O proxecto tivo como uns dos puntos fortes o achegamento ao territorio rural de Santiago, coa visita a 14 parroquias: Conxo, Vidán, Laraño, San Frutuoso, San Xoán de Fora, Villestro, Figueiras, A Peregrina, Bando, Sabugueira, O Carballal, Enfesta, Marantes, Nemenzo e Verdía. Pero tamén houbo oportunidade de coñecer os gremios de Compostela, os seus balcóns e todo o seu patrimonio de diversas épocas, sempre cun atractivo fío condutor.

O programa tamén concedeu a oportunidade de visitar e compartir espazos de traballo diversos e de atopar colaboradores sempre entusiastas. Así, estívose na forxa de Berto Lois, un ferreiro de casta familiar; no taller da xoiería de Galería Noroeste ou na Escola Municipal de Música. Houbo unha visita ao Hospital de San Roque, guiada por un investigador do CSIC e os participantes foron recibidos polo director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.

Ademais do concelleiro, participaron nesta rolda de prensa de balance do programa Mar Bóveda como responsable do mesmo, e Modesto Lopez, animador coordinador desta iniciativa nos centros socioculturais.

Compartir: