CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Semana Cultural da Trisca segue a explorar a relación entre o home e a máquina

21/06/2006 O Centro Sociocultural da Trisca segue a celebrar a súa III Semana Cultural ata o 24 de xuño. O evento foi inaugurado pola concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, que asistiu á presentación do mural gráfico feito no parque público da Trisca polo artista Mauro Trastoy. A obra evoca o tema desta Semana Cultural: a relación entre as persoas e as máquinas.

A xornada do martes 20 completouse coa actuación, tamén pola tarde do dúo de guitarra e trombón.Asociación musical Alfaia (guitarra) e Linas Baltusis (trombón) e da Coral A Xuntanza. O día pechouse cunha sesión de contacontos conducida por Soledad Felloza.

Para a mañá do mércores 21 estaba previsto un Laboratorio de animación, onde se producen clips de animación con plastilina e outros materiais. Os asistentes poden así experimentar con procesos de modelado, escenografía, fotografía, tratamento informático, montaxe e proxección. Xa pola tarde, visita á Imprenta Atlas para descubrir os procesos artesanais de impresión, e velada-faladoiro literario "Sentires".

Outra sesión de música e movemento abre a xornada do xoves 22 pola mañá. Logo pola tarde, laboratorio de animación e cine ao aire libre, coa proxección do filme "O Castelo Ambulante". Ao día seguinte, contacontos a cargo do grupo Trinke-trinke e representación da obra teatral "O Pazo", a cargo da Aula de Teatro Ánxel Casal". A noite deste día 23, cacharelas e meigallos para celebrar o San Xoan.

A Semana péchase o sábado 24 con dous pequenos mercados: un de actividades para nenos e nenas a cargo das mestras de pedagoxía Waldford e outro de máquinas
e das persoas que as utilizan creativamente. Tamén haberá un taller de xogos con máquinas e ferramentas e un espazo de mostra electrónica, arte, comunicación e alimentación.

Documentos relacionados



Compartir: