URBANISMO

O Concello introducirá melloras na Ordenanza reguladora das terrazas

19/06/2013 A Concellería de Urbanismo vai acometer unha modificación da Ordenanza reguladora das terrazas e quioscos de hostalería. Estes cambios pretenden recoller aqueles axustes e melloras que a experiencia dun ano de vixencia da norma aconsellan para mellorala.

Segundo destacou a concelleira de Urbanismo, María Pardo, tras un ano de vixencia da nova Ordenanza, "logrouse que as terrazas presenten un aspecto máis ordenado, unha mellora na estética en moitas delas ou unha mellora na delimitación do espazo ocupado polas terrazas e novos quioscos". Non obstante, dixo, observáronse determinados aspectos mellorables, algúns dos cales xa se foron poñendo en marcha a través de decretos. Agora, eses axustes e algún outro vanse recoller na propia Ordenanza a través dunha modificación que irá ao Pleno municipal.

Os principais cambios na Ordenanza serán os seguintes:

- Poderán instalarse terrazas como actividade accesoria aos establecementos hoteleiros, independentemente de que non contaran cunha licenza específica de establecemento de hostalería.

- Simplifícase a documentación que se precisa para obter un permiso de terraza.

- Inclúense no texto da ordenanza os materiais que se homologan e as cores, prohibíndose materiais plásticos, aceiro inoxidable e aluminio nas súas cores naturais ou acabados metalizados brillantes na zona vella, na que se permiten as seguintes cores: cores orixinais dos materiais, negro, branco, castaño, marrón nas súas diferentes tonalidades, verde compostela e gris nas súas diferentes totalidades. Nas restantes zonas da cidade tamén se prohibe o aceiro inoxidable ou o aluminio, aínda que se permiten máis cores e deseños modernos.

- Respecto á delimitación da terrazas, darase preferencia ao emprego de xardineiras e elementos vexetais, para o cal se poderán empregar xardineiras de materiais plásticos e lixeiros, se ben se coidará a estética e o deseño destes elementos de mobiliario. Tamén se poderán empregar peches de madeira con forma de balaustrada.

- Concédense máis facilidades para a instalación de terrazas, que poden estar separadas ata 20 metros da fachada do local e poden superar a mesma. O permiso do propietario dun local veciño será necesario cando poida verse afectado, pero non se precisará permiso de comunidades de propietarios ou propietarios de fincas.

- Modifícanse e amplíanse os módulos autorizados para adaptarse mellor a vías estreitas. Así, regúlase un módulo dunha mesa e dúas cadeiras de 1,60 x 0,80 metros, que pode reducirse a 1,60 x 0,60 cando a estreitura do espazo o aconselle, sempre que se deixe libre o paso mínimo para peóns de 1,80 metros. Outro módulo é o de 1,20 x 1,80 metros, cunha mesa rectangular e catro cadeiras, con dúas cadeiras a cada lado longo da mesa. O terceiro módulo é dunha mesa alta con catro banquetas, de 1,20 x 1,20 metros, podendo substituírse a mesa alta por un barril tradicional de madeira e aros de forxa. O último módulo permitido é o dunha mesa alta con dúas banquetas, de 1,20 x 0,60 metros.

- Poderá non deixarse a distancia de 0,50 metros ás portas das vivendas se o autorizan os veciños. O mobiliario da terraza pode permanecer nela cando finalice o horario da terraza e ata que peche o establecemento.

- A distancia entre a parte inferior dos ocos da planta primeira e o pechamento só terá que ser superior a 1,50 metros, sempre que na planta primeira se sitúe unha vivenda allea ao titular do establecemento que instala a terraza.

- As terrazas de hostalería non constituirán unha ampliación dos locais a efectos do disposto no Decreto de Zonas Saturadas, polo que se poderán autorizar novas terrazas para locais situados en zonas saturadas.

María Pardo aproveitou a rolda de prensa para ofrecer datos sobre as licenzas para terrazas. Así, presentáronse ata o momento 252 solicitudes, das que 132 foron autorizadas e 23 denegadas. Outras 51 están pendentes de informe técnico, 39 pendentes de achegas de documentación e 7 pendentes do informe de seguridade.

Compartir: