CULTURA

Marcos Pin Factor E-Reset pecha o ciclo 1906 Jazz na praza da Quintana

18/06/2013 O ciclo 1906 de Jazz chega ao seu fin en Santiago de Compostela con Marcos Pin Factor E- Reset, que ofrecerán un concerto con entrada libre para todos os amantes do bo jazz, se o tempo o permite, na praza da Quintana, ás 19:30 horas. Por Compostela pasaron nomes como Joshua Redman Quartet, Ron Carter Trío, Roberto Fonseca, Jorge Pardo, Giulia Valle ou Nani García.

Marcos Pin é un deses nomes recorrentes á hora de falar da nova escena jazzística de Galicia co seu proxecto Factor –E– Reset. En tempos de incerteza como os que nos tocou vivir, son moi poucos os músicos que compoñen para formacións amplas, pois a miúdo o seu traballo permanece eternamente acumulando po no papel pautado.

Barbanza é o título dunha criatura xestada con paciencia, dedicación e unha altísima inspiración compositiva. Nela converxen a sonoridade, a tradición e os arranxos das big bands coa enerxía de formatos máis reducidos e dispostos en función do repertorio. Por suposto, as grandes ideas nunca se materializan sen grandes executantes, de forma que o mérito de Pin, ademais do seu excelente tino como improvisador, débese tamén ao criterio co que seleccionou aos seus acompañantes, todos eles valores destacados da escena jazzística galega. Nas súas mans está o froito dunha realidade quizá impensable hai poucos anos.

Javier Pereiro - Trompeta e fliscorno
José Luís Miranda - Trombón e bombardino
Fernando Sánchez - Saxo alto
Xosé Lois Miguelez - Saxo tenor
Toño Otero - Saxo tenor e barítono
Ton Risco - Vibráfono
Marcos Pin - Guitarra
Manolo Gutiérrez - Piano
Juansy Santomé - Contrabaixo
Max Gómez - Batería

Compartir: