CIDADE HISTÓRICA

A Comisión Asesora do Casco Histórico autoriza as obras de restauración da fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago

18/06/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, deu conta dos asuntos tratados na Comisión Asesora do Casco Histórico, entre os que destacou a autorización das obras de restauración da fachada e das torres do Obradoiro da Catedral de Santiago. Esta obra terá unha duración prevista de 18 meses e un custo de 2,5 millóns de euros. Está previsto que a colocación das estadas comece despois das Festas do Apóstolo.

María Pardo explicou que esta intervención ten como obxectivo fundamental a eliminación de humidades e a solución dalgúns problemas de conservación. Estas humidades ameazaban con deteriorar o Pórtico da Gloria e son indispensables para afrontar a súa recuperación. Das obras de limpeza do exterior das torres do Obradoiro, a concelleira destacou a eliminación dos liques máis corrosivos.

Na planta baixa do corpo central tamén se realizará algunha obra de substitución de carpinterías, co fin de recuperar antigas ventilacións e evitar condensacións no Pórtico da Gloria.

O financiamento desta obra ten a súa base no convenio asinado en 2011 entre o Consorcio de Santiago e a Fundación Catedral de Santiago. Neste 2013, o Consorcio habilita
unha partida de 506.060 euros para finaciar parte das obras. En 2014 habilitará unha nova partida, de 1,4 millóns, que terá que incluirse nos próximos orzamentos do Consorcio. O resto do financiamento, uns 600.000 euros, achegarao a Fundación Catedral.

Facultade de Historia
A Comisión Asesora tamén deu o visto bo ao proxecto de rehabilitación de cubertas da Facultade de Xeografía e Historia e da igrexa da Universidade. Esta actuación, cun custo de 201.383 euros e sufragada pola propia USC, terá un prazo de execución duns seis meses. O obxectivo das obras é evitar a filtración de humidades e evitar a caída de tellas á vía pública.

Na sesión tamén se autorizaron outros dous proxectos na Cidade Histórica. Un é recuperación dun inmoble para albergue no número 9 da rúa Xelmírez. Permitiráselle ao promotor a ampliación en dúas plantas, de xeito que o inmoble terá baixo e tres plantas. O investimento previsto é de 70.300 euros.

A outra actuación validada é o acondicionamento dun edificio que xa funciona como pensión na rúa do Pombal, 41, que presentaba exceso de edificabilidade.

Foso da antiga muralla
A concelleira tamén fixo referencia á Comisión Asesora do Casco Histórico celebrada no 4 de xuño, que tivera como asunto máis importante a autorización das obras de acondicionamento da planta soto do Museo das Peregrinacións e da Cidade de Santiago. Lembrou que esta intervención non se permitira en 2009 á vez que o resto de obras no antigo Banco de España por ter unha cautela arquitectónica, xa que se descubriran restos do foso da antiga muralla da cidade, por onde ademais seguía circulando auga.

A actuación prevista, financiada polo Consorcio, prevé o recheo do foso con pedras, permitindo que siga circulando a auga e facilitando calquera posterior recuperación ou intervención. Habilitarase un salón de actos e unha sala de exposicións. As obras teñen un custo de 96.534 euros e un prazo de execución de catro a cinco meses.

Compartir: