NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Os escolares do CEIP López Ferreiro viron o documental "Shoots from Abyssinia" e conversaron co seu autor

18/06/2013 A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, asistiu no CEIP López Ferreiro á presentación do documental Shoots from Abyssinia, de Ovidio Fernández, e ao posterior coloquio co autor.

Este documental, patrocinado pola Secretaria Xeral de Política Lingüística, está protagonizado polo fillo de Ovidio Fernández, Abdul, etíope de nacemento e galego de adopción. Foi rodado no verán de 2010 durante a viaxe que realizaron ao norte de Etiopía co fin de reencontrarse co país africano e de achegarnos unha imaxe lonxe de estereotipos e de prexuízos.

Acompañounos nesta aventura Catarina, a súa filla e irmá, quen se encargou das tarefas de produción desta fita, que narra o percorrido que os tres iniciaron en Addis Abeba e culminaron nas fontes do Nilo despois de percorrer máis de 3.800 quilómetros nun todoterreo en plena época de choivas.

Viaxe iniciática
Ovidio Fernández, cámara de profesión, puxo en marcha este proxecto co obxectivo de amosar outra cara de Etiopía a unha sociedade que descoñece a realidade desta zona de África, da que proceden máis de 700 nenos e nenas adoptados durante a última década por familias galegas. O documental, que no seu título recupera o nome co que os portugueses bautizaran este país hai 450 anos, trata de rachar con tópicos anacrónicos a través dunha historia que se desenvolve a modo de viaxe iniciática.

A narración comeza cando Abdul, de 15 anos de idade, decide viaxar á súa terra tras catro anos vivindo en Galicia. O seu pai dálle entón o libro Historia de Etiopía, escrito en portugués en 1620 polo xesuíta español Pedro Paez, que o rapaz empregará como guía para un percorrido durante o que intentará seguir os pasos do autor. Así, na localidade de Gorgora e tras unha laboriosa busca descobren a única icona de Pedro Páez da que se ten constancia en Etiopía. A historia culmina cando Abdul chega ás fontes do Nilo, que o misioneiro español descubrira para o mundo 400 anos antes. O simbólico bautismo nesas augas, onde se mesturan lenda e realidade, serve de metáfora para o reencontro do rapaz coas súas orixes.

Proxecto solidario
O proxecto conta coa súa propia páxina web, www.ovidiofernandez.com, a través da cal tamén se poden facer contribucións económicas. O 10% da recadación obtida por este sistema, así como a través da comercialización do filme, será destinado a apoiar o programa de asistencia a nenos e nenas orfos que o sacerdote Ángel Olaran desenvolve na localidade etíope de Wukro.

Shoots from Abyssinia, que está a pasar por diversos festivais cinematográficos, terá continuidade. Nesta, Ovidio Fernández afondará na extensión, riqueza e variedade cultural de Etiopía a través dunha segunda viaxe realizada ao sur do país en 2011 e na que Abdi, o seu fillo pequeno, se incorporou ao equipo como co-protagonista.

Compartir: