PLENO MUNICIPAL

O Concello de Santiago solicita o indulto para os tres veciños do Eixo

19/06/2006 O Pleno Municipal, en sesión extraordinaria, aprobou por unanimidade a declaración institucional pola que se solicita o indulto para Jesús Montoiro, José Moreira e Simón Márquez. Estes tres veciños do barrio do Eixo foran condenados a sete anos de cárcere cada un e a unha indemnización conxunta de 156.620 euros, polas lesións a un policía nacional durante unha manifestación en xullo de 1998.

Os tres grupos municipais estiman que os afectados son merecentes desta graza, por canto non tiveran antes ningún problema coa xustiza e son veciños que sempre velaron polos intereses do seu barrio. Tamén consideran que a súa conduta social non representa ningún risco cidadán e valoran a solidariedade e comprensión que todo o barrio do Eixo lles vén prestando diante dos feitos que provocaron o delito.

Dende a Corporación crese que a pena imposta non tería efectos de rehabilitación, senón que causaría efectos contrarios, desmembrando tres familias moi apreciadas no seu contorno social. Ademais, os condenados xa fixeron efectiva as súas responsabilidades civís a favor do prexudicado, coa colaboración das achegas voluntarias dos cidadáns. Todo isto dende a lembranza e a consideración cara ós funcionarios públicos vítimas dos feitos.

Por outra parte, a sesión extraordinaria do Pleno da Corporación serviu tamén para a toma de posesión como concelleira da representante do Partido Popular María Encarnación López Seoane, trala renuncia á súa acta de Dositeo Rodríguez. Tamén se procedeu ao nomeamento de novos representantes do PP no Consello de Administración do Consorcio da Cidade de Santiago e no Consello Económico e Social, motivados ambos pola devandita renuncia.

Moción sobre Mestre Mateo

Os portavoces dos tres grupos municipais acordaron solicitar á Consellería de Educación que non se suprima o Ciclo Superior de Proxectos e Dirección de Obra de Decoración, alomenos en tanto non se impartan na mesma Escola os Estudios Superiores de Deseño de Interiores. Esta petición foi feita pública, pero non estaba na orde do día do Pleno.

Compartir: