CULTURA

Teatro & Danza programa na Zona C "Lampíricos", performance de Antón Lopo

17/06/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou presentou na Zona C Lampíricos, performance e acción de Antón Lopo, acompañado polo propio Antón Lopo e Tono Arias, fotógrafo, director da galería Dispara e coprodutor da representación.

Lampíricos é a nova proposta de Antón Lopo, alcume baixo o que traballa unha das voces máis radicais da poesía galega actual, un creador que abrangue na súa obra a performance, o xornalismo, a novela, o teatro e o activismo cultural.

Será dúas semanas consecutivas, do xoves 20 ao domingo 23 e do xoves 27 ao domingo 30 de xuño, con oito funcións en total ás que poderán asistir un número máximo de 17 persoas por día. As entradas están á venda a 9 euros na billeteira do Teatro Principal e na Zona C os días de evento.

Antón Lopo comezou a traballar en Lampíricos –a súa nova proposta oral tras a convulsión de Prestidixitador– sobre uns textos elaborados nunha longa estadía en Essaouira, un dos brazos fortes do sufismo marroquí. Desa experiencia, e da deriva que atopa ao seu regreso, xorden textos que indagan nunha contemporaneidade quebrada, cun corpus social reventado e unha aturdida parálise individual. Pero Lampíricos non é soamente a crónica dese saqueo, senón tamén unha paisaxe de impulsos e sentimentos que atrapa ao espectador-lector nunha acción implacable.

Compartir: