EMPREGO

O obradoiro Santiago Impulsa formou a 37 persoas desempregadas en confección de páxinas web e carpintería

17/06/2013 A concelleira de Economía, Emprego, Comercio e Turismo do Concello de Santiago de Compostela, Reyes Leis, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, clausuraron no centro Sociocultural da Trisca o Obradoiro de Emprego Santiago Impulsa. Os participantes neste obradoiro realizaron unhas casetas de madeira que serán utilizadas en feiras e mercados organizados polo Concello.

Santiago Impulsa é un proxecto de fomento do emprego promovido polo Concello de Santiago de Compostela, e cofinanciado pola Consellería de Emprego e Benestar e o Fondo Social Europeo, no que se alternou a formación teórica e práctica co desempeño dunha actividade laboral real de execución de obras e servizos de interese xeral e social para o Concello. Contou cun orzamento total de 315.000 euros, dos que a Consellería de Traballo e Benestar aportou 265.000 euros, aos que se suma unha achega do Concello de 50.000 euros.

Este Obradoiro de Emprego tivo unha duración seis meses, e permitiu a contratación de 37 persoas, trinta delas coma alumnos/as traballadores/as que se formaron en dúas especialidades laborais: instalación de elementos de carpintería e confección e publicación de páxinas web
Rematadas as accións formativas e superado o período de práctica laboral, fíxoselles entrega ás persoas participantes dos diplomas acreditativos dos certificados de profesionalidade que os habilitan para o exercicio profesional e que teñen recoñecemento estatal no ámbito laboral.

Hai que destacar a utilidade social deste proxecto que, ademais de mellorar a empregabilidade das persoas participantes, todas elas desempregadas e con dificultades para o acceso ao mercado laboral, realizou unha serie obras e servizos de interese xeral que repercuten no conxunto da cidade.

Por un lado, os participantes na especialidade de confección e publicación de páxina web desenvolveron unha serie servizos orientados a favorecer a promoción e achegamento á cidadanía dos servizos de emprego e promoción social e facilitar a implementación de espazos web a entidades de iniciativa social.

En concreto, realizaron o deseño e programación das webs www.pactolocalpoloemprego.org e www.cualificacionprofesional.org. Tamén deseñaron un sistema web dinámico baseado en plantillas, dirixido a asociacións e entidades sociais sen ánimo de lucro, que permite adaptar a plantilla base a cada entidade ou asociación concreta. Completaron a súa formación con labores de mantemento web, deseño e programación da axenda de busca activa de emprego e elaboración dunha guía de busca de emprego no estranxeiro.

Na especialidade de Instalación de elementos de carpintería realizáronse obras de acondicionamento e mellora do centro municipal de formación ocupacional de Sanxúans de Aríns, tales como a prolongación da plataforma situada fronte o aulario e a ampliación da calzada con soleira de formigón; melloras en talleres de formación (instalación de falso teito); e xecución dunha serie de oito casetas modulares de madeira de carácter desmontable.

Un dos aspectos que mais se tiveron en conta durante o obradoiro foi a orientación laboral e o apoio na busca de emprego das persoas participantes. Rematando o Obradoiro cómpre destacar que seis dos participantes incorporáronse ao mercado laboral, catro coma traballadores por conta allea e dous puxeron en marcha proxectos de autoemprego e emprendemento.

Compartir: