EDUCACIÓN

O Concello únese un ano máis á celebración do Día Europeo da Música con concertos en diversos espazos da cidade

17/06/2013 O Concello de Santiago, a través do Departamento de Educación e a rede de escolas de música de Compostela, súmase un ano máis ao Día Europeo da Música (21 de xuño) coa celebración de diferentes actos nas prazas, rúas, parques e institucións de Compostela. Participarán a Escola Municipal de Música, a Escola de Música Berenguela, o Conservatorio Profesional de Música de Santiago e a Orquestra do Espazo de Cámara da USC.

A concelleira de Educación, María Castelao, presentou as actividades previstas para os días 20 e 21 de xuño. Unha edición máis, a música actuará como un elemento integrador e socializador, coa participación de centos de practicantes da música coral e instrumental da nosa cidade, un bo indicador de que, de maneira moi rápida, estase a producir un incremento cualitativo e cuantitativo de persoas que acceden á práctica da música.

O xoves 20 de xuño, a Escola Municipal de Música será a protagonista da xornada previa, con concertos no Toural e no Casino de Santiago. E o día 21, Día Europeo da Música, actuacións das distintas formacións participantes en lugares como a praza de Praterías, a praza de Feixóo ou a igrexa das Ánimas.

Día Europeo da Música
O Día Europeo da Música é unha iniciativa do Ministerio de Cultura Francés, que estableceu que cada ano, coincidindo co primeiro día do verán e o máis longo do ano, se celebrara a Festa da Música. Un evento no que músicos de todo tipo (profesionais, afeccionados, estudantes) toman as rúas das súas cidades e utilizan espazos pouco habituais para a expresión musical: estacións, museos, parques, edificios públicos, entre outros.

Por outro lado, a festa serve para animar ás institucións principais da música (orquestras, óperas, coros, etc) a que realicen actividades fóra dos seus espazos habituais. Ao dar a benvida a outros tipos de música, estas institucións participan nun intercambio cultural que conectan os centros da cidade e as súas áreas periféricas, ofrecendo concertos en hospitais, prisións, igrexas e promovendo encontros entre os músicos máis noveis e os profesionais. Na actualidade, este evento celébrase en máis de cen países do mundo.

Programa de conciliación
Por outra parte, a concelleira aproveitou a rolda de prensa para anunciar que o mércores 19 se abrirá o prazo de inscrición para o programa de conciliación de verán, que se desenvolverá dende finais de xuño e durante o mes de xullo no CEIP das Fontiñas. Haberá unhas 70 prazas dispoñibles.

María Castelao explicou que a redución de prazas responde a diminución da demanda constatada nas edicións do programa de conciliación de Nadal e Semana Santa. Ademais, xa no eido orzamentario, indicou que o Departamento tivo que facer fronte a unha factura de 80.000 euros a raíz dunha sentenza para pagar unhas obras de mantemento dos colexios feitas en 2008.

Lembrou a edil que o Concello ofrece tamén un programa de conciliacion a través de Centros Socioculturais, e que hai dez entidades da cidade que ofrecen programas de conciliación, algunhas delas en instalacións municipais cedidas para as mesmas.

Documentos relacionados



Compartir: