BENESTAR SOCIAL

O Centro Comercial Área Central acolleu o mercado solidario "Trócame-Roque"

14/06/2013 As concelleira de Educación, María Castelao, inaugurou en Área Central o proxecto Trócame-Roque, un mercado solidario infantil e xuvenil promovido polas entidades sociais, educativas e sanitarias do barrio de Fontiñas. Outros edís, como María Castelao ou Luis Meijide, tamén visitaron o mercado.

O obxectivo deste mercado solidario era fomentar a dinamización social na zona, reforzar o tecido asociativo do barrio, reforzar os espazos de encontro, activar os procesos de solidariedade e concienciar aos máis novos sobre a realidade social e comunitaria. Nenos e mozos entre 8 e 18 anos foron os protagonistas deste mercado, baseado na venda ou no troco de produtos feitos a man por eles mesmos ou artigos de segunda man. Logo, cada posto doou a cantidade que, en conciencia, considerou que debía achegar.

Co recadado con este mercado preténdese contribuír a sufragar un proxecto solidario no propio barrio de Fontiñas, neste caso a dotación de equipamento básico urxente para unha vivenda, e a apoiar unha iniciativa comunitaria de mellora do espazo próximo ao parque infantil da rúa Londres. Trátase de realizar un circuíto que reflicta a estrutura urbanística do barrio e se converta nun elemento de apoio ao xogo infantil. Do deseño deste circuíto encargaranse Marisa Calderón, profesora do Departamento de Educación Plástica e Visual do IES Antonio Fraguas, e o alumnado de Debuxo Artístico do devandito centro.

Actividades complementarias
Arredor do mercado celebráronse outras actividades. Así, o evento inaugurouse coa actuación musical do coro de alumnas e alumnos do IES Antonio Fraguas, dirixido polo profesor Carlos Encisa.

Durante a tarde desenvolvéronse diversos obradoiros promovidos pola Cruz Vermella (xogos de grupo dinamizados por voluntariado e obradoiros de manualidades); o Centro de Información á Muller (decoración de bolsas coa temática "Bolsas polo troco"; e pola UMAD (obradoiro de breakdance). Pecháronse as actividades cunha exhibición de breakdance a cargo da Asociación Vella Escola e dos alumnos da Escola Municipal de Breakdance.

Tamén estivo instalada unha mesa informativa na que se difundiu o traballo das distintas entidades sociais, educativas e sanitarias do barrio. Alí houbo mostras do material que, dende o eido comunitario, se vén elaborando nos quince anos de traballo.

Durante a xornada proxectáronse diferentes vídeos que amosaban as actividades realizadas no barrio de Fontiñas: Kamelamos guinar (2005), Rúas de vida (2009), A educación hoxe, onte e antonte (2011), Fraguando a diversidade (2012) e En rede: o educativo e o comunitario camiñan da man no barrio de Fontiñas (2012).

Compartir: