EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música pechou o curso no Auditorio de Galicia cun musical de bandas sonoras de Disney

14/06/2013 A Sala Brage do Auditorio de Galicia acolleu o Festival Fin de Curso da Escola Municipal de Música de Santiago, coa posta en escena dun musical titulado Todo Disney. Familias e público en xeral puideron gozar nesta sesión especial dunha visión de conxunto do traballo realizado no centro. A concelleira de Educación, María Castelao, asistiu á representación.

O musical permitiu a posta en escena de temas de bandas sonoras de filmes de Disney como "Ai - ho", de Brancaneves; "Do, Mi, Sol", de Os Aristogatos; "O Príncipe Azul", de A Bela Durminte; "Busca", de O Libro da Selva; "O león durme esta noite", de O Rei León; "Cores no vento", de Pocahontas; "Hai un amigo en min", de Toy Story; ou "Que festín", de A Bela e a Besta.

Ao longo dos últimos meses, a Escola Municipal de Música procurou mostrar en diferentes ocasións o traballo desenvolvido polas diferentes agrupacións musicais nas que se concreta o traballo deste equipamento municipal: Banda, Orquestra de Corda e Coros.

Son moitos os composteláns e as compostelás que arrouparon o traballo desta Escola coa súa presenza nas diferentes actuacións: nas prazas da cidade, no Casino, nos centros de infantil e primaria, na rede de escolas infantís e na Galería Sargadelos, por citar algunhas. En todas estas actuacións resultou vital, para a formación dos nenos e nenas, a participación e o apoio do público.

Compartir: