OBRAS E BRIGADA

O Concello acomete a reparación de rúas do Ensanche e do Campus Sur

14/06/2013 O concelleiro da Brigada de Vías e Obras, Juan de la Fuente, deu conta do próximo inicio das obras de reparación das rúas do Ensanche e do Campus Sur. As obras no Ensanche foron adxudicadas por 124.924 euros e teñen un prazo de execución de 60 días. Beneficiarán de forma integral a sete rúas, pero tamén se actuará no resto de vieiros.

O investimento no Ensanche desglósase en varias partidas segundo as áreas de actuación: rúas San Pedro de Mezonzo e A Rosa, 62.971 euros; Frei Rosendo Salvado, 5.525 euros; Rapa da Folla e Rúa Nova de Abaixo, 4.999 euros; e Alfredo Brañas, 28.462 euros. En todas estas rúas realizarase unha actuación integral, pero resérvase tamén outra partida de 39.461 euros para a reparación doutras deficiencias en calzadas e beirarrúas do resto de rúas do Ensanche.

O concelleiro confía en que con esta partida se poida chegar a practicamente a totalidade dos vieiros desta zona da cidade. De quedar algunha rúa por actuar, faríao a Brigada de Vías e Obras. Os traballos comezarán a finais da semana próxima ou principios da seguinte, unha vez se asine a acta de replanteo. O prazo de execución é de 60 días.

Actuacións prioritarias no Campus
Por outra parte, a Brigada de Vías e Obras vai acometer reparacións en dez puntos prioritarios do Campus Sur, tal como se comprometera no seu día o alcalde, Ángel Currás, co reitor da USC, Juan Casares.

Os puntos nos que se actuará son: Animalario de Bioloxía (beirarrúas), rúa de Xoaquín Díaz de Rábago (tapas soltas), avenida das Ciencias (tapas soltas), rúa do Doctor Ángel Jorge Echeverri (arquetas), rúa de Rodríguez Cadarso (beirarrúas e arquetas), rúa do Marqués de Sargadelos (arquetas), rúa de José María Suárez Núñez (beirarrúas), avenida de Lope Gómez de Marzoa (beirarrúas) e avenida de Pontevedra (beirarrúas).

Compartir: