EDUCACIÓN

Aberto o prazo de preinscrición nos servizos de comedor e de madrugadores en nove centros escolares para o curso 2013-2014

14/06/2013 Hoxe venres, 14 de xuño, abriuse o prazo de preinscrición nos servizos de comedores e de madrugadores en varios centros de educación infantil e primaria de Santiago de Compostela, xestionados polo Concello de Santiago. O prazo estará aberto ata o 21 de xuño.

Serán nove os colexios cuxos comedores escolares e servizos de madrugadores xestionará o Concello de Santiago por segundo curso consecutivo. Así, do 14 ao 21 de xuño estará aberto o prazo de preinscrición nestes servizos, que funcionarán en nove centros escolares: Apóstolo Santiago, Ramón Cabanillas, Quiroga Palacios, Roxos, Monte dos Postes, Rodríguez Xixirei, Fontiñas, Vite e Raíña Fabiola. A estes nove centros hai que sumar o CEIP Arquitecto Casas Novoa, que só ofrecerá o servizo de madrugadores. Os servizos de comedor e madrugadores prestaranse os días lectivos do curso escolar 2013-2014, dende o 11 de setembro de 2013 ao 20 de xuño de 2014.

Procedemento
O impreso de solicitude de preinscrición, debidamente cuberto, entregarase no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende 4, Galeras) ou nos Rexistros auxiliares do Centro Sociocultural do Ensanche (Frei Rosendo Salvado, 14-16 baixo) e do CERSIA (avenida do Alcalde Raimundo López s/n), e os sábados só no Rexistro Xeral, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

O modelo oficial pode descargarse nesta mesma páxina web municipal, ou solicitarse no Departamento de Educación (Edificio CERSIA, rúa Alcalde Raimundo López Pol, s/n), así como nos centros de ensino obxecto desta convocatoria. O proceso de preinscrición non garante a obtención de praza. Unha vez completado o proceso administrativo, procederase á publicación da lista de admitidos e excluídos na mesma páxina web e no taboleiro de anuncios municipal.

Prezos
Unha vez que se produza a adxudicación do servizo, a Xunta de Goberno Local acordará os prezos por menú a pagar por cada comensal para o curso escolar 2013-2014.

Os usuarios dos servizos deberán efectuar o pago mensual dos servizos solicitados por adiantado, nos últimos cinco días do mes anterior á prestación do servizo. A falta de abono do prezo do servizo nos prazos e condicións establecidos dará lugar, como medida cautelar, á baixa inmediata no servizo.

A Xunta de Goberno Local xa ten aprobadas as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de bolsas de comedor para o alumnado dos centros docentes públicos e privados concertados de educación infantil (segundo ciclo) e de educación primaria obrigatoria do Concello de Santiago de Compostela, para o curso 2013/2014. As bases están publicadas no BOP nº 108, de 7 de xuño de 2013.

A Concellería de Benestar Social poderá becar a usuarios deste servizo, en base ás necesidades económicas destes e en base aos orzamentos, baremos e criterios que para tal fin dispoña esa concellaría, procedendo para iso a asumir o pagamento total ou parcial segundo corresponda por cada usuario becado.

Documentos relacionados



Compartir: