CULTURA

Xoel López pecha a temporada do ciclo Íntimo & Acústico no Teatro Principal

13/06/2013 Xoel López presenta o seu novo disco Atlántico nun concerto no Teatro Principal. Será o venres 21 de xuño, ás 21:00 horas, pechando a temporada do ciclo Íntimo & Acústico. Abrirá a velada David Quinzán, músico habitual de Xoel López e Álex Ferreira. As entradas está á venda a 12 euros e 10 euros na billeteira do Teatro Principal, en entradas.novagaliciabanco.es e no teléfono 902 434 443.

Atlántico é o duodécimo traballo da carreira de Xoel, é o primeiro editado baixo o seu propio nome, deixando atrás a etapa como Deluxe. Na xira de presentación atópanse algúns dos máis destacados festivais nacionais.

Nacido en A Coruña en 1977, Xoel López é un dos artistas máis representativos e influentes da nova canción española. Aínda que sempre se moveu entre os sons do pop-rock alternativo e o folk clásico, el defínese como un artista libre. E así o demostra. Xoel deixou atrás unha carreira exitosa e consolidada no seu país baixo o pseudónimo de Deluxe para, en xaneiro de 2009, cruzar o charco e empezar unha nova etapa no Continente Americano.

Acompañado da súa guitarra (e dalgúns amigos) busca recuperar a esencia dos primeiros días tocando en diferentes salas, teatros ou festivais acompañado por músicos dos diferentes países que visita: Estados Unidos, Colombia, Uruguai, Chile, Venezuela, República Dominicana, Brasil... Pero é en Bos Aires (Arxentina) onde pasa a maior parte do seu tempo.

En outubro de 2010 regresa temporalmente a España para realizar unha xira na que convidou a preto de 30 músicos de diferentes nacionalidades a compartir escenario e repertorio. Un evento chamado Xoel López y la caravana americana que tamén dará título ao documental onde se contan as peripecias desta xira por España e de parte da aventura anterior do cantante por América.

No verán de 2011 volve a España como embaixador do Ano da Música en Galicia 2011, representando a esta comunidade en diferentes cidades e festivais como Festival dos Sentidos, V de Valarés, Vigo Transforma, Contemporánea, Sonorama ou Ebrovisión.

Atlántico, producido xunto a Juan de Dios Martín e gravado entre A Coruña e Bos Aires, foi un dos lanzamentos máis esperados de 2012, xa que supón unha nova etapa musical e persoal para o artista tras o seu paso por diferentes países e o proxecto Xoel López y la caravana americana, que enriqueceron os ritmos e fortaleceron as melodías das súas novas cancións.

Compartir: