FESTAS

Festas asina un convenio coa editorial MIC para a realización dos programas e dunha revista para o Apóstolo

12/06/2013 A Concellaría de Festas vén de asinar un convenio de colaboración coa editorial MIC polo que esta empresa correrá cos gastos de imprenta dos 30.000 programas do Apóstolo, dos 20 muppies e, por primeira vez, dos 10.000 exemplares dunha revista que editarán.

Nesta revista, ademais de artigos de interese e do propio programa, haberá publicidade. A editorial estase a por en contacto co tecido empresarial da cidade para colocar anuncios dos negocios que teñan interese en aparecer, previo desembolso dunha suma económica en función do espazo que queiran.

Grazas a este acordo coa Concellaría de Festas, ademais de facerse cargo de todos os gastos de imprenta, MIC tamén achegará 2.000 euros para as festas. Esta é toda a contrapartida que recibe o Concello, do que se informa para xeral coñecemento da veciñanza.

Esta empresa xa ten experiencia na realización de acordos semellantes noutras cidades de España (Santander, Burgos, Palencia, Córdoba, Toledo…) e mesmo de Galicia, como Lugo, neste caso para as festas do San Froilán.

Este convenio enmárcase dentro dos patrocinios que a Concellería está a procurar para axudar na realización das festas do Apóstolo. Neste sentido, reitera que calquera entidade que desexe colaborar só ten que poñerse en contacto co Departamento de Festas no Teatro Principal.

Compartir: