EDUCACIÓN

O campus de cociña CompHostelería fomentará unha conciencia de alimentación saudable entre os máis pequenos

10/06/2013 As instalacións de Hostalería Compostela acolleron a presentación do material promocional para o Campus de Cociña Infantil CompHostelería. No acto, presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e pola concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, deuse conta das actividades que desenvolverán os nenos que se inscriban durante este mes no curso.

O Campus, que se vai desenvolver entre os días 1 de xullo ao 2 de agosto en quendas dunha semana pretende achegar a cociña e alimentación aos máis cativos da casa. Poderanse inscribir tódolos nenos entre 6 e 12 anos que o desexen até cubrir as 15 prazas ofertadas en cada quenda. Os formularios estarán dispoñibles no Centro de Formación e Cultura Gastronómica (R/Salvadas,29) e nos distintos colexios da cidade, e os interesados poderán ter máis información no enderezo electrónico formacion@santiagohosteleria.org ou no teléfono 981 583 366

No acto tamén estiveron presentes os presidentes de Hostalería Compostela, José Manuel Otero e Jesús Sordo. Otero destacou "a importancia do curso para abrir o Centro de Formación e Cultura Gastronómica á cidade e que todos se sintan partícipes de el." Pola súa banda, Sordo subliñou que a iniciativa "axudará aos nenos a coñecer un pouco mellor a gastronomía tan rica e variada coa que contamos en Galicia."

O obxectivo do Campus de Cociña Infantil CompHostelería é fomentar entre os nenos e nenas a cultura gastronómica e crear unha conciencia de alimentación sa é saudable. Os obradoiros afondarán en todo o relacionado coa alimentación: peixes, carnes, hortalizas, legumes e froitas, así como o proceso de elaboración, a limpeza, a preparación dos alimentos e a importancia dos sentidos para apreciar todos os matices e a riqueza da nosa cultura gastronómica. Entre as actividades programadas están a visita á Praza de Abastos, obradoiros do gusto e dos sentidos, do leite e do queixo, dos peixes e mariscos, da carne, do chocolate, manualidades gastronómicas, a aprendixaze de hábitos de axuda, como o de poñer e de recoller a mesa, así como un curso monográfico sobre os nomes dos produtos en galego.

O secretario Xeral de Política Lingüística agradeceu a Hostalería Compostela o seu labor e fixo fincapé "na relevancia que teñen estes actividades para a divulgación da lingua dun xeito divertido e ameno." Domínguez pola súa banda remarcou que estes cursos "afondan na cultura gastronómica alimentando tanto o corpo como a alma dos mais cativos", ademais de ser claves para a difusión do galego.

O custo por semana é de 100 euros, cun desconto do 10% para os fillos de socios. Haberá tamén descontos do 10% tanto para os pais e nais que inscriban a máis dun neno como para os que se anoten máis dunha semana, sendo o prezo da semana do 25 de xullo de 80 euros por ser un día menos. Estes prezos inclúen o almorzo e o xantar de cada día. O horario, de 9:00 a 14:30 horas, pretende ser unha axuda para os pais e nais á hora de conciliar a vida laboral e familiar.

Documentos relacionados



Compartir: