TURISMO

Turismo de Santiago quere aproveitar as conexións aéreas con Asia para promover rutas polas Cidades Patrimonio

10/06/2013 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, deu conta dalgúns dos acordos adoptados polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España na súa última Asemblea Xeral, celebrada en Córdoba. Entre os mesmos destaca unha proposta de Santiago para elaborar rutas turísticas aproveitando as novas conexións aéreas con Asia.

Con motivo da chegada a Santiago de Turkish Airlines, Turismo de Santiago levou a Córdoba unha proposta para preparar rutas turísticas específicas polas Cidades Patrimonio de España en colaboración con esta compañía aérea. Trátase de aproveitar as seis portas de entrada da aerolínea en España (Santiago de Compostela, Madrid, Barcelona, Valencia, Málaga e Bilbao) para atraer a un turista cultural asiático que é precisamente un dos tipos de viaxeiro que quere captar o Grupo. Segundo indicou Reyes Leis, está previsto que, en función da área xeográfica, se programen unhas cinco rutas, que permitan aos turistas visitar varias Cidades Patrimonio.

Por outra parte, aprobouse a posta en marcha dun programa denominado Aula de patrimonio, destinado a que escolares de 6º de Primaria e Secundaria poidan coñecer as Cidades Patrimonio. Destínanse 85.000 euros a este programa co fin de achegar unha axuda a aqueles colexios das 13 cidades que promovan excursións culturais a algún dos outros destinos Patrimonio.

Tamén no eido educativo, vaise a realizar unha promoción conxunta dos cursos internacionais, que se articulan a través das universidades de cada cidade. Realizaranse publicacións con toda a información sobre estes cursos, dos que Santiago xa é unha referencia a través da USC, ao igual que outras cidades como Salamanca ou Alcalá de Henares.

Na Asemblea Xeral falouse igualmente dos actos do 20º aniversario do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, que se celebrarán o 17 de setembro na sede permanente do mesmo, en Ávila. Agárdase contar coa Familia Real nesta efeméride, que tamén será conmemorada con actos en cada cidade. Ademais, programarase un espectáculo itinerante que pasará polas 13 cidades. Finalmente, a concelleira indicou que o GCPHE prepara algún programa gastronómico.

Compartir: