TURISMO

Turismo de Santiago busca aos novos "chaquetas vermellas"

16/06/2006 Turismo de Santiago, en colaboración coa Oficina de Voluntariado e o Consello Social da Universidade de Santiago, convoca un verano máis a todos os voluntarios que desexen formar parte da nova xeración de "chaquetas vermellas". Poden apuntarse ata o mércores 21 de xuño.

Para reforzar os servizos de información turística durante a temporada alta, Turismo de Santiago reunirá un ano máis a un grupo de voluntarios que, entre o 3 de xullo e o 27 de agosto, funxirán de "informadores móbiles" nas principais rúas e prazas do casco histórico da cidade.

Os ‘chaquetas vermellas’ son xa coñecidos non só polo seu vistoso uniforme, senón tamén pola invalorable axuda que prestan cada verán a turistas e peregrinos nas zonas de maior afluencia da cidade vella, onde colaboran na xestión de fluxos nas rúas e informan sobre as múltiples opcións turísticas e de lecer, aloxamentos, medios de transporte ou enderezos.

O programa, organizado conxuntamente por Turismo de Santiago, o Consello Social e a Oficina de Voluntariado da Universidade de Santiago de Compostela, busca mozos e mozas co seguinte perfil: maiores de 18 anos e con coñecementos de galego, castelán e inglés (ou máis idiomas), que poidan dedicar a este proxecto un mínimo de catro semanas, con trinta horas semanais repartidas en cinco días e en horario de mañá (9 a 15 horas) ou tarde (15 a 21 horas).

Os candidatos recibirán de Turismo de Santiago un curso de formación ao inicio do programa e dietas de manutención, de acordo co estabelecido pola Lei Galega do Voluntariado. Da Universidade de Santiago de Compostela obterán un seguro polo tempo da súa colaboración e un certificado no que constarán as tarefas realizadas, o que pode ser interesante de cara ao seu currículo. Ademais, os estudantes da USC verán recoñecida esta actividade con créditos de libre configuración.

Os interesados poden solicitar máis información ou presentar a súa inscrición na Oficina de Voluntariado da USC (Casa Simeón, rúa Casas Reais, de 9 a 14 horas) ou en Turismo de Santiago (rúa do Vilar, 63, de 9 a 21 horas).

Compartir: