TURISMO

As Cidades Patrimonio de España poñen en marcha un proxecto pedagóxico de intercambio de alumnos

08/06/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis, participaron na Asemblea Xeral do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España, máximo órgano de goberno da entidade, celebrada en Córdoba, no Salón dos Mosaicos do Alcázar dos Reinos Cristiáns. Á reunión asistiron alcaldes e concelleiros das 13 cidades membros desta entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivo primordial é a defensa e promoción do seu patrimonio cultural, recoñecido pola UNESCO ao inscribilo na Lista do Patrimonio Mundial. Forman parte do Grupo as cidades de Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona e Toledo.

Ao finalizar a Asemblea, tivo lugar unha rolda de prensa á que asistiron o presidente do Grupo e alcalde de Segovia, Pedro Arahuetes; o alcalde de Córdoba, José Antonio Nieto, e o alcalde de Toledo, Emiliano García Page. Na súa intervención, o presidente do Grupo, tras agradecer a hospitalidade e acollemento da cidade de Córdoba, repasou os asuntos tratados na reunión.

No relativo á promoción turística das cidades que forman a rede, destacou o lanzamento de novo produto conxunto como é o turismo idiomático, co que se pretende que os 13 destinos sexan un foco de atracción para estudantes do español en todo o mundo, a promoción do Grupo en Lyon (Francia), Córdoba (Arxentina) e Valparaíso (Chile) mediante a organización de exposicións fotográficas que xiren sobre o patrimonio cultural das cidades, e a implantación e desenvolvemento das redes sociais na páxina web do Grupo (www.ciudadespatrimonio.org).

Igualmente, presentou o proxecto pedagóxico que se poñerá en marcha no curso 2013-2014, no que participarán centros docentes de 6º de Primaria e Secundaria das 13 cidades, que consistirá no intercambio de alumnos que serán á súa vez anfitrions e viaxeiros por outras cidades, co obxectivo de coñecer e difundir o valor do patrimonio das cidades nas que viven. Por último, Pedro Arahuetes, cuxa presidencia do Grupo conclúe o próximo 1 de xullo, cedendo a testemuña a Emiliano García Page, alcalde de Toledo, referiuse á celebración do 20º aniversario do Grupo o próximo 17 de setembro, para o cal se prevé un acto institucional en Ávila, sede permanente, e diversos eventos de carácter cultural en cada unha das cidades.

Compartir: