BENESTAR SOCIAL

Fontiñas albergará un mercado solidario infantil e xuvenil o venres 14 de xuño

07/06/2013 A concelleira de Benestar Social, María Castelao, presentou en rolda de prensa o proxecto Trócame-Roque, un mercado solidario infantil e xuvenil promovido polas entidades sociais, educativas e sanitarias do barrio de Fontiñas. O evento desenvolverase o venres 14 de xuño, de 16:30 a 19:30 horas, no centro comercial Área Central, coincidindo tamén coas festas do barrio.

Esta mercado súmase á ampla gama de actividades que vén realizando o grupo comunitario do barrio de Fontiñas. O seu obxectivo é fomentar a dinamización social na zona, reforzar o tecido asociativo do barrio, reforzar os espazos de encontro, activar os procesos de solidariedade e concienciar aos máis novos sobre a realidade social e comunitaria.

Nenos e mozos entre 8 e 18 anos serán os protagonistas deste mercado, baseado na venda ou no troco de produtos feitos a man por eles mesmos ou artigos de segunda man (cómics, libros, xogos, xoguetes, videoxogos, CDs, DVDs…). Logo, cada posto doará a cantidade que, en conciencia, considere debe achegar.

Co recadado con este mercado preténdese contribuír a sufragar un proxecto solidario no propio barrio de Fontiñas, neste caso a dotación de equipamento básico urxente para unha vivenda, e a apoiar unha iniciativa comunitaria de mellora do espazo próximo ao parque infantil da rúa Londres. Trátase de realizar un circuíto que reflicta a estrutura urbanística do barrio e se converta nun elemento de apoio ao xogo infantil. Do deseño deste circuíto encargaranse Marisa Calderón, profesora do Departamento de Educación Plástica e Visual do IES Antonio Fraguas, e o alumnado de Debuxo Artístico do devandito centro.

Actividades complementarias
Arredor do mercado celebráranse outras actividades. Así, ás 16:30 horas, inaugurarase o evento coa actuación musical do coro de alumnas e alumnos do IES Antonio Fraguas, dirixido polo profesor Carlos Encisa.

Durante a tarde, entre as 17:00 e as 19:00 horas, desenvolveranse diversos obradoiros promovidos pola Cruz Vermella (xogos de grupo dinamizados por voluntariado e obradoiros de manualidades); o Centro de Información á Muller (decoración de bolsas coa temática "Bolsas polo troco"; e pola UMAD (obradoiro de breakdance). Pecharanse as actividades ás 19:00 horas, cunha exhibición de breakdance a cargo da Asociación Vella Escola e dos alumnos da Escola Municipal de Breakdance.

Tamén se instalará unha mesa informativa na que se difundirá o traballo das distintas entidades sociais, educativas e sanitarias do barrio. Alí haberá mostras do material que, dende o eido comunitario, se vén elaborando nos quince anos de traballo.

Durante a xornada proxectaranse diferentes vídeos que amosan as actividades realizadas no barrio de Fontiñas: Kamelamos guinar (2005), Rúas de vida (2009), A educación hoxe, onte e antonte (2011), Fraguando a diversidade (2012) e En rede: o educativo e o comunitario camiñan da man no barrio de Fontiñas (2012).

A concelleira María Castelao estivo acompañada na rolda de prensa por María Dolores Sanz, orientadora do IES Antonio Fraguas; Alicia Castelo, educadora social do Programa de Apoio a Familias Abeiro; Eva Ramos, educadora social do devandito programa; Isabel Suárez, coordinadora do Equipo da Fundación Secretariado Xitano de Santiago de Compostela; e Pablo Méndez, técnico de Xuventude da Cruz Vermella de Santiago.

Compartir: