ECONOMÍA

Últimos días para presentarse ao novo Premio Emprende Santiago

07/06/2013 O xoves 13 de xuño remata o prazo para presentarse ao novo Premio Emprende Santiago, organizado polo AJE Santiago e que conta co patrocinio do Concello de Santiago e das empresas IFFE e DCM Asesores.

O Premio Emprende Santiago busca recompensar o espírito de loita que move os mozos a superar todos os obstáculos e a utilizar a súa imaxinación, os seus recursos e a súa enerxía en crear unha empresa da que toda a sociedade se beneficie. Estes premios queren servir, ademais, para reclamar en voz alta o apoio de todos ao colectivo de emprendedores e novos empresarios como protagonista do presente e do futuro de Galicia.

O premio diríxese a empresarios menores de 41 anos que constituíran unha empresa en calquera das súas formas xurídicas (autónomos, sociedades civís, sociedades limitadas, etc.) e que esta teña sede social en Santiago, independentemente da súa actividade principal e do seu sector empresarial. No caso de sociedades, a participación dos novos empresarios debe ser polo menos un 25% do capital social da entidade.

O gañador da categoría Premio Xove Empresario Santiago recibirá un premio valorado en 6.000 euros en programas de formación de alto rendemento empresarial para a mellora da xestión empresarial no Instituto de Formación Financeira e Empresarial (IFFE) e un programa de crecemento e consolidación empresarial que se desenvolverá durante un período de tres meses a través de DCM Asesores.

O triunfador da categoría Premio AJE Junior Santiago recibirá un premio valorado en 3.000 euros en programas de formación de alto rendemento empresarial no IFFE e un programa de crecemento e consolidación empresarial que se desenvolverá tamén durante tres meses a través de DCM Asesores.

O xurado que determinará a concesión dos premios estará integrado por representantes do Concello de Santiago de Compostela, da Asociación de Jóvenes Empresarios e das institucións públicas e privadas más representativas do mundo económico, empresarial e social da Comunidade Galega, entre outras. Os criterios de valoración serán: creación de emprego estable, volume do investimento realizado, carácter innovador e diversificado do proxecto, grao de proxección nacional e internacional, boas prácticas na xestión empresarial, grao de implicación no asociacionismo empresarial e respecto polo medio ambiente.

As candidaturas poderán presentarse ata o 13 de xuño. O 18 terá lugar a presentación pública de todas as candidaturas. Os premios entregaranse o día 27 de xuño no Cersia. Máis info: 981 915 635, ajemarineda@ajemarineda.com e na web ajesantiago.com.

Direccións relacionadas



Compartir: