XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o proxecto de mellora do estanque do parque da Alameda

06/06/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou o proxecto e iniciou o expediente de contratación das obras de mellora do estanque da Alameda, cun tipo de licitación de 99.156 euros máis IVE. Ademais, deu o visto bo á adhesión do Concello ao convenio suscrito entre o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) referente á detección de supostos de vulnerabilidade en situacións de desafiuzamentos.

O proxecto permitirá intervir na xardinería, nas instalacións, no mobiliario, na pavimentación e na impermeabilización. Esta zona do estanque quedará moito mellor integrada no paseo central da Alameda, gañando ademais en diversidade de flora, colorido e vistosidade. Unha das consecuencias da remodelación é que permitirá a volta das aves ao estanque. As obras aproveitaranse tamén para mellorar os sistemas de rego, automatizándoos, facilitando un importante aforro de auga.

En canto á xardinería, retirarase o sebe perimetral existente na actualidade. En troques, plantaranse diversas especies arbustivas, tapizantes e bulbosas, que permitirán unha mellor integración do estanque co xardín e co resto do paseo central da Alameda. As instalacións tamén serán renovadas, automatizando o sistema de rega manual existente.

Ademais, habilitarase un sistema de recollida de pluviais no paseo peonil que discorre entre o estanque e a rúa Juan Carlos I, evitando os empozamentos que se viñan producindo ata agora. Neste paseo substituirase a pavimentación actual por outra de xabre, colocando ademais un valo perimetral de madeira.

O estanque contará cun novo sistema de chorros e luces led e será restaurada a caseta dos parrulos existente na parte central do vaso. Este estanque quedará agora impermeabilizado, xa que agora ten un problema de filtracións.

Benestar Social
Tal como explicou a voceira adxunta da Xunta de Goberno e concelleira de Benestar Social, María Castelao, o convenio subscrito entre o CXPX, a Xunta e a FEGAMP contén un protocolo de actuación que se habilitará en caso de que exista unha persoa ou persoas en situación de vulnerabilidade a raíz dun desafiuzamento por impago da hipoteca ou do alugueiro. Este protocolo posibilitará que esas persoas non sexan desaloxadas de inmediato, senón que se estude caso por caso para obter unha solución axeitada ás circunstancias de cada un. Este convenio vai na liña doutras medidas que xorden a raíz da situación actual provocada pola crise.

Urbanismo e Parques e Xardíns
En materia de Urbanismo, aprobáronse axudas para 12 vivendas da ARI de Pontepedriña na rúa Portomarín. O importe destas subvencións é de 62.671 euros (financiadas ao 50% por Xunta e Ministerio de Fomento).

Finalmente, aprobouse a prórroga do contrato de mantemento das zonas verdes do Concello por un período máximo de 9 meses, ata que se teña redactado o prego do novo concurso.

Documentos relacionados



Compartir: