INMIGRACIÓN

Os nenos e nenas inmigrantes poderán participar nun programa de integración e lecer durante o verán

15/06/2006 A Concellaría de Emigración e Inmigración pon en marcha o Programa de integración dos/as nenos/as inmigrantes nas actividades socioculturais. Esta iniciativa, concibida para atender as demandas dos inmigrantes, está destinada a todos os nenos/as do municipio e contribuirá a unha plena integración nas actividades do Concello a través de obradoiros, xogos, piscina ou saídas para coñecer a cidade.

O programa desenvolverase dende o 26 de xuño ata o 22 de setembro, de luns a venres, en horario de 08:00 a 14:00 horas. O Centro Sociocultural de Fontiñas acollerá as accións de xuño e agosto, mentres que as de xullo e setembro celebraranse no Centro Sociocultural de Vite.

Segundo a concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez, esta iniciativa responde á demanda formulada dende as asociacións de inmigrantes e dende os centros educativos. "Faláronnos da necesidade de manter ocupados aos nenos, agora que se aproxima o período de vacacións, xa que resulta perigoso telos sós na casa ou que anden pola rúa mentres os pais traballan para manter a economía familiar, e máis tratándose en moitos casos de familias monoparentais", apuntou na presentación do programa. O seu custo é de 11.430 euros.

En Santiago están escolarizados 1.400 rapaces e rapazas inmigrantes. A maior parte seguen a proceder de países latinoamericanos, aínda que cada vez é maior a presenza dos chegados dos países do Leste e de China. Precisamente no caso destes últimos, Teresa Regúlez apunta que o problema lingüístico é o que máis dificulta a súa integración. Por este motivo, o seu departamento intentará por en marcha un servizo de mediador lingüístico no vindeiro curso escolar.

Compartir: