DEPORTES

O recinto de Amio acollerá o circuíto da Xira Galega de Karting do 7 ao 9 de xuño

05/06/2013 A Xira Karting chega por quinto ano a Compostela para ofrecer a posibilidade de pilotar un kart a través dun circuíto preparado especialmente para a ocasión no recinto feiral de Amio. O Concello de Santiago facilitará que os escolares poidan subirse de balde a estes pequenos vehículos.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou esta Xira Karting 2013, que estará instalada entre o venres 7 e o domingo 9 de xuño. Os escolares de Santiago poderán gozar dunha sesión completa de pilotaxe completamente de balde nun horario reservado na mañá do venres. Para os demais interesados, o horario oficial será de 12:00 a 14:00 horas, o sábado e o domingo, e de 16:30 a 21:30 horas polas tardes.

Para que ninguén quede sen pilotar, a organización disporá de 19 vehículos, entre os que se inclúen dous biprazas e cinco karts de gran potencia. Entre as novidades deste ano está a ampliación da zona de animación, na que os asistentes poderán participar en xogos, inchables e actividades deportivas.

Acompañaron a Adrián Varela na presentación do evento Raquel González, directora da Xira; María Sande, de Begano Coca Cola, e Román Roo, responsable da Área de Santiago de Gadis, quen anunciou que os establecementos da firma en Santiago, Ames e Teo repartirán 200 invitacións e vales de desconto para estas xornadas.

Compartir: