BENESTAR SOCIAL

Compostela uniuse á conmemoración do Día do Doante de Órganos e Tecidos

05/06/2013 A praza do Toural acolleu os actos en Santiago conmemorativos do Día do Doante de Órganos e Tecidos, organizado pola Asociación para a Loita contra as Enfermidades de Ril (ALCER). Alí estivo instalada unha mesa informativa e foi onde a concelleira de Benestar Social, María Castelao, lle entregou o carné de doador á cantante compostelá Yhadira.

ALCER colocou unha mesa informativa para concienciar á poboación e transmitirlles toda a positividade posible. Quen se achegou a estas mesas recibiu un distintivo e un folleto informativo. Dende a Asociación preténdese que toda a poboación luza con orgullo o distintivo co lema "Súbete ao podio. Faite donante", distintivo que ademais leva unha imaxe en forma de lazo que representa a dúas persoas, doante e receptor, protagonistas dunha doazón tras falecemento ou unha doazón en vida. Durante a mañá tamén se realizou unha sesión de exercicio físico.

Dende ALCER quérese animar á poboación a facerse doante. Neste sentido, lembra que o carné de doante expresa a vontade do individuo de doar, se ben a decisión é da familia. Por iso, indícase a necesidade de falar coa familia para explicarlles que un é doante e o desexo de que se respecte esa decisión.

Tamén recordan que existe a posibilidade de doar un órgano estando vivo a un familiar, a un amigo ou a quen o necesite sen coñecer a persoa que o necesitará. A saúde das persoas que doan un órgano en vida non só non se resente, senón que é mellor ca do resto da poboación. Sinxelamente, porque pasan o resto da súa vida con maior control da súa saúde.

Compartir: