CULTURA E MEDIO AMBIENTE

Música e lecer para todos os públicos únense en Belvís na segunda Romaría Pop

05/06/2013 A concelleira de Medio Ambiente, María Pardo, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou presentaron xunto a Álvaro Álvarez, secretario da asociación Desconcierto Cultural, a segunda edición da Romaría Pop, que se celebrará o sábado 15 de xuño. O programa abrirase uns días antes, o 6 de xuño, cun concerto de presentación na Zona C con Niño y Pistola e When Nalda Became Punk. Entradas a 8 euros (anticipada) e a 10 euros (billeteira).

Á exitosa convocatoria do ano 2012 acompañouna o bo tempo, o que converteu a xornada estival nun día no que as familias gozaron do ambiente que a música e as actividades culturais gratuítas ofreceron ao longo de toda a xornada, unha Romaría estival reformulada na que non faltaron postos de comida e bebida.

Un gran ambiente que seguro se repetirá nesta nova edición, cunha Romaría aínda máis enriquecida que terá lugar de novo no compostelán Parque de Belvís o sábado 15 de xuño, dando comezo a Verán na rúa.

Esta iniciativa de Desconcierto Cultural reúne a numerosas familias e amigos nunha romaría aberta que aposta pola dinamización e a convivencia entre veciños nun día con aire de festa; o éxito do 2012, en ambiente e asistencia, mostrou a valía deste espírito. Concertos, actividades infantís, minimúsica e moitas outras actividades gratuítas forman parte do programa.

Actividades para os máis cativos. Obradoiros de todo tipo coa música como principal referente (de camisetas de rock, pintura pop, instrumentos reciclados...) Na Pequemúsica, poderase gozar de concertos moi especiais enfocados aos pequenos da casa. Nese mesmo escenario, os nenos poderán converterse nunha estrela do rock, experimentando cunha grande variedade de instrumentos cedidos polos propios músicos.

Actividades para todo o público. Dous escenarios co mellor da música independente galega, presentacións de libros e discos, idóneas para pasar o tempo entre concerto e concerto, concursos, feira, postos de comida e bebida e actividades deportivas que calquera persoa interesada no descanso e na cultura ao aire libre poderá gozar.

Tal e coma ocorreu o ano pasado, a selección de bandas que tocarán na Romaría Pop será do máis ecléctica, intentando cubrir os diferentes espectros da música independente en Galicia. Dende o pop máis clásico ao folk máis contemporáneo, o math rock ou a música surf. Na Romaría Pop hai cabida para todos.

A MÚSICA

Escenario 1
Pedrito Diablo y Los Cadáveras (Vigo, Western)
Nouvelle Cuisine (A Coruña, Pop)
Espíritusanto (A Coruña, Shoegaze)
Unicornibot (Pontevedra, Math rock)
Los Árboles (Santiago de Compostela, Pop)
Los Huéspedes Felices (Ferrol, Psicodelia)
Wild Balbina (Vigo, Surf-pop)

Escenario 2. Pequemúsica
Fagot y Popota (A Coruña, Pop electrónico)
La Banda Ornytorrinque (Santiago de Compostela)
Grampoder (Pop, Santiago de Compostela)

Obras na rúa de San Pedro
A concelleira aproveitou a rolda de prensa para anunciar a adxudicación pola mesa de contratación das obras da rúa de San Pedro á empresa Ponciano Nieto por un importe de 347.436 euros e un prazo de execución de catro meses e medio. Presentáronse 25 empresas a este licitación. A adxudicación deberá ser ratificada pola Xunta de Goberno.

Direccións relacionadas



Compartir: