EMPREGO

O desemprego descendeu un 2,41% en Santiago no mes de maio

04/06/2013 No mes de maio, o número de persoas desempregadas en Santiago descendeu en 235 con respecto ao mes de abril, segundo os datos do Ministerio de Emprego. Esta cifra supón un descenso do 2,41% respecto ao mes anterior, unha baixada que supera tanto as cifras que houbo en Galicia, onde o descenso medio foi do 2,26%, coma no conxunto de España, onde a baixada foi do 1,97%.

Maio é o terceiro mes consecutivo no que descende o número de persoas paradas na cidade, despois de que no mes de marzo houbese un descenso do 1,12% e no de abril dun 0,05%. Con este descenso ralentízase claramente o crecemento do paro interanual, que en maio do 2013 foi do 2,94% con respecto a maio do 2012, obténdose o mellor dato mensual desta variable dende comezos do 2008.

Dende o Concello de Santiago considéranse positivos os datos de maio, tanto o descenso con respecto ao mes de abril como especialmente a ralentización do aumento interanual, aínda que se quere manter a prudencia posto que se continúa nun entorno económico complexo. Non obstante, a previsión é que nos vindeiros meses continúe o descenso de persoas desempregadas na cidade.

Pese aos datos de maio, o Concello de Santiago é plenamente consciente das dificultades económicas da cidade, que está afectando a vida de moitos composteláns. Por iso está facendo un amplo esforzo para poder paliar a situación. O obxectivo é que se poida alcanzar o punto de inflexión nas taxas interanuais, de tal xeito que haxa tamén un descenso do paro en termos desestacionalizados, algo que non se produce dende marzo do 2008.

Dinamización económica
Todas as actuacións do Concello diríxense a incentivar a creación de emprego na cidade a través da dinamización da vida económica. O esforzo directo concéntrase en dous grandes ámbitos de actuación: o fomento da economía e o apoio ás persoas que buscan emprego. Ambos ámbitos unifícanse na Área de Economía do Concello, froito do remodelación do goberno municipal no mes de marzo e dirixida dende entón pola concelleira Reyes Leis.

O fomento da economía local faise principalmente a través do programa Santiago Investors Support, que ten por obxectivo dinamizar economicamente a cidade a través do apoio ás empresas da cidade, a captación de investimentos e o fomento da cultura emprendedora.

O apoio ás persoas que buscan emprego faise a través da Axencial Local de Colocación, que ten catro áreas de traballo principais: orientar e asesorar ás persoas desempregadas para acadar a mellora da súa empregabilidade; realizar intermediación laboral, facilitando ás empresas a contratación de traballadores cualificados para a cobertura das súas necesidades; contactar coas empresas para difundir información sobre as iniciativas da Axencia destinadas a facilitar a inserción laboral; realizar prospeccións periódicas do mercado de traballo, detectando as necesidades de persoal e formación existentes, así como os novos nichos de emprego.

Ambos departamentos, que se atopan no edificio municipal Cersia, contan con presenza específica en redes sociais para poder interactuar con cidadáns e empresas. Na área de Economía, o perfil de Facebook é CersiaEmpresa e a conta de Twitter é @cersiaempresa. Na área de Emprego, o perfil de Facebook é Axencia Local de Colocación – Santiago de Compostela, e a conta de Twitter é @EmpregoSantiago. Nestas contas da Área de Emprego infórmase regularmente das ofertas de emprego que hai na cidade.

Compartir: