TURISMO

Santiago participa en Santander na asemblea anual do Spain Convention Bureau

03/06/2013 O alcalde de Santiago, Ángel Currás, participa na Asemblea do Spain Convention Bureau, que se celebra o 4 de xuño en Santander, representando ao Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB), servizo de Turismo de Santiago para o fomento da cidade como destino de congresos, xornadas e incentivos.

O Spain Convention Bureau é unha asociación de cidades e provincias sen ánimo de lucro creada en 1984 no seo da Federación Española de Municipios e Provincias e que na actualidade conta con 56 destinos asociados, entre eles Santiago de Compostela. Na Asemblea presentaranse a memoria de actividades e o balance económico de 2012, o Plan de Actuación 2013 e o avance do 2014, e un informe do Estudo Estatístico do Turismo de Reunións do 2012.

Aproveitando a celebración da Asemblea, organizase un encontro sobre Turismo de Reunións os días 3 e 4 de xuño, ao que asiste a concelleira de Turismo, Reyes Leis, no que se debaten os principais temas do sector: a sostibilidade, as "smart cities" ou cidades intelixentes e a importancia da colaboración público-privada para desenvolver accións promocionais.

Tamén se desenvolven tres obradoiros: un sobre comunicación e xestión do coñecemento nun destino de Congresos, outro sobre intercambio de boas prácticas nos diferentes Convention Bureau e, por último, sobre innovación deseñando presentacións.

Compartir: