EDUCACIÓN

Éxito de participación e asistencia do VIII Certame de Danza Intercentros

03/06/2013 O Auditorio de Galicia acolleu o VIII Certame de Danza Intercentros, promovido pola Concellería de Educación en colaboración coa Asociación Cultural Danza Stellae. Participaron 215 bailaríns e bailarinas dos centros escolares San Xosé de Cluny, Pío XII, López Ferreiro, Xelmírez I e Rosalía de Castro, que realizaron 14 representacións.

Os alumnos e alumnas representaron un variado repertorio de obras clásicas e modernas, que entretiveron aos numerosos asistentes que se deu cita no Auditorio de Galicia. Para os rapaces foi unha oportunidade única de amosar ante o público todo o aprendido durante o curso.

Este certame pretendeu un ano máis achegar a danza á cidadanía, desenvolver a autonomía e iniciativa persoal, desenvolver a competencia cultural e artística, promocionar a sensibilidade musical, fomentar o traballo en equipo e fomentar o respecto, o compañeirismo e a tolerancia entre os participantes.

A iniciativa quería igualmente impulsar e apoiar o traballo que se está a realizar no eido da danza en educación infantil, primaria e secundaria. Despois de oito edicións son moitos os alumnos e alumnas dos centros de ensino da cidade que participan nesta actividade de promoción da danza.

A danza é un factor de desenvolvemento global (cognitivo, afectivo, social e motriz) e de autorrealización persoal. Dende un punto de vista pedagóxico é un elemento favorecedor de todo tipo de aprendizaxes, dado que proporciona ao alumno unha gran variedade de experiencias e estímulos, así como un conxunto de vivencias útiles e necesarias para o seu axeitado desenvolvemento.

Compartir: