CULTURA

O Concello recupera as Xornadas de Música Contemporánea cun amplo programa para os meses de setembro e outubro

03/06/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, presentou as Xornadas de Música Contemporánea, organizadas pola Concellería de Cultura en coprodución co Centro Nacional de Difusión Musical, institución dependente do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Este ciclo celebrarase nos meses de setembro e outubro e inclúe seis concertos do Centro Nacional de Difusión Musical e 24 de actividades didácticas nos que participan a Real Filharmonía ou a Sinfónica da Galicia, entre outras agrupacións.

O Concello recupera despois de trece anos estas Xornadas de Música Contemporánea. O seu obxectivo é fomentar e difundir as últimas tendencias e a innovación da música contemporánea.

A música contemporánea é un campo en transformación constante. As novas ideas xeran novas formas musicais que necesitan novas ferramentas e iso será o que amosarán ao público estas Xornadas de Música Contemporánea, que se enriquecen con achegas xurdidas en Galicia como as do Vertixe Sonora Ensemble, o Taller Atlántico Contemporáneo ou o recentemente creado Música Práctica. Non faltarán á súa cita coas Xornadas as orquestras galegas, Real Filharmonía de Galicia e Orquestra Sinfónica de Galicia, con concertos no Auditorio de Galicia.

Músicos especialmente sensibles á difusión da música actual en Galicia como Florian Vlashi, Berta Fresco, Marcos Escobar, Jesús González, Mario Diz (responsable do Espazo de Cámara da USC), Anne Tooming ou David Durán completan un calendario de concertos que coida especialmente o compoñente didáctico e educativo a través do seu programa A desTempo, que ten unha clara vocación de chegar a novos públicos e inclúe charlas preconcerto e un amplo programa de concertos familiares, escolares e didácticos. O 27 de setembro arranca este programa didáctico que se adianta ao que serán dúas semanas de intensa actividade concertística (entre o 18 e o 31 de outubro) espallada por toda a cidade: Auditorio de Galicia, Cidade da Cultura, CGAC, Paraninfo e Igrexa da Universidade, Salón Teatro, Teatro Principal, Conservatorio Profesional de Música e Escola Municipal de Música.

Case 30 actividades enchen unha programación de posta en valor da música contemporánea e da creación actual ao carón de grandes clásicos do século XX. Hindemith, Mahler, Prokofiev, Debussy, Tippett, Mompou e Britten (no seu centenario) comparten cartel con Crumb, Prins, Posadas, Gubaidulina, Gorecki, Aracil, De Pablo, Cage, Turina e un longo etcétera no que, como non podía ser doutro xeito, atopamos estreas absolutas (incluías encargas do CNDM e das Xornadas) de obras de novos e destacados compositores como a madrileña Consuelo Díez, o alemán Bernd Franke e os galegos Fernando Buide, Jesús González, Antón L. Pulido e Eduardo Soutullo. Cómpre salientar tamén a estrea en España de composicións do sueco Esaias Jarnegard, do belga Stefan Prins, dos finlandeses Magnus Lindberg e Esa-Pekka Salonen, dos alemáns York Höller e Enno Poppe e da sevillana Elena Mendoza nunhas Xornadas de Música Contemporánea que, seguramente, non terían sentido sen aqueles que no ano 1987 as puxeron en pe –Carlos Villanueva dende a Universidade e Enrique X. Macías como director– e as que as mantiveron máis tarde no Centro Galego de Arte Contemporánea –Manel Rodeiro, responsable da área de música e director artístico das mesmas–.

Anticipo musical
Un pequeno anticipo musical serviu para abrir e pechar o acto de presentación destas xornadas, que serán sen dúbida unha das grandes citas do ano:

A apertura a cargo de Luis Soto (TAC / Real Filharmonía de Galicia) con Ideograma 25E, de Jorge Berdullas del Río, foi no Hall do CGAC e para interpretar a peza interelacionouse coas persoas que asistían ao propoñerlles que sacaran dun pequeno saco e de maneira aleatoria fragmentos da partitura que interpretou.

Pecharon a presentación, Fernando Buide del Real (Música Práctica) con 2 movementos para piano, de Fernando Buide, e Vertixe Sonora Ensemble: èm]Obra de Germán Alonso, fragmento para saxofón barítono e electrónica, xa no escenario do auditorio do CGAC.

Ademais, do alcalde, participaron no acto de presentación, celebrado no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Jesús Vázquez (conselleiro de Cultura e Educación), Miguel Ángel Recio (director xeral do Instituto Nacional das Artes Escénicas y la Música, INAEM), Antonio del Moral (director do Centro Nacional de Difusión Musical, CNDM), Francisco Ramón Durán Villa (vicerreior de Estudantes, Cultura e Formación continua da USC), María Antón (xerente do Consorcio de Santiago), Beatriz González Loroño (directora – xerente da Fundación Cidade da Cultura), Andrés Lacasa (xerente do Consorcio para Promoción da Música da Coruña), Miguel von Hafe (director do CGAC) e José Victor Carou (director –xerente do Auditorio de Galicia).

Compartir: