TURISMO

Santiago analiza en Helsinki o impacto do turismo asiático en Europa

15/06/2006 Tras participar en eventos promocionais en Nova York e Toronto, Turismo de Santiago asiste en Helsinki á primeira edición da feira ‘City Break 2006’ e á conferencia anual e asemblea xeral do grupo European Cities Tourism, que reúne a un centenar de destinos europeos de turismo urbano.

O concelleiro de Turismo compostelán, Francisco Candela, e o xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi, atópanse en Helsinki para participar o xoves 15 na Conferencia Anual e o sábado 17 na Asemblea Xeral da rede European Cities Tourism (ECT), grupo promocional de turismo urbano ao que pertence Compostela desde 2005.

Baixo o título de ‘European Cities Meet Asia’, a conferencia anual da European Cities Tourism reúne aos seus 104 destinos membro en torno ao tema da relación de Europa cos mercados turísticos asiáticos, que están a converterse en potentes emisores de turismo urbano cara ao vello continente.

De acordo con Candela, a conferencia constitúe unha ‘oportunidade para analizar os cambios que introduce a forte incorporación do turismo asiático á demanda, para saber responder con ofertas atractivas a estes millóns de novos consumidores de turismo cultural’.

O venres 16 a ECT ofrecerá o seminario sobre Turismo Urbano e Cultural, organizado en colaboración coa Organización Mundial do Turismo e a European Travel Commission, e o sábado 17 celebrará a súa Asemblea Xeral.

Promoción turística en Nova York, Toronto e Helsinki
A capital finesa acolleu simultaneamente entre o 12 e o 14 de xuño a celebración da primeira feira ‘European City Break Exhibition’, na que a capital galega cumpriu un calendario de reunións con turoperadores de Finlandia, Noruega, Suecia, Italia, Alemaña, Bélxica, Hungría e Xapón, interesados en comezar a traballar na emisión de grupos cara a Santiago de Compostela.

A feira dedicou un día á análise do mercado aéreo das liñas ‘low cost’ e o seu papel no turismo urbano e cultural de fin de semana ou ‘pontes’, coñecido como ‘short break’.

Turismo de Santiago ven tamén de promoverse con rotundo éxito en Nova York e Toronto, onde participou a pasada semana nunha presentación do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade Españolas.

Os eventos tiveron lugar o día 6 de xuño no Queen Sofía Institute, na Park Avenue de Nova York, e no Pantages Hotel de Toronto dous días despois, e congregaron a centenares de turoperadores, xornalistas especializados e autoridades turísticas dos países anfitrións.

Compartir: