PLENO

O Pleno dá luz verde ao Plan de Emerxencia Municipal do Concello

30/05/2013 O Pleno da corporación, na súa sesión ordinaria de maio, deu o visto bo ao plan de coordinación municipal en caso de emerxencia. Tamén aprobou o crédito orzamentario para a reposición de cable no alumeado municipal por importe de 55.000 euros

O Plan de Emerxencias do Concello de Santiago describe o territorio e analiza os riscos aos que a población está sometida, recolle os medios materiais e humanos dos que o concello pode facer uso e establécense os equipos e procedementos para facer fronte aos riscos. Conta con tres protocolos de actuación para os casos de incendio, inundación e accidentes de mercaderías perigosas, entre outras eventualidades puideran ocurrir. O CECOPAL (centro de coordinación operativa municipal) será o centro encargado de coordinar e asesorar os diferentes equipos que integran este Plan de Emerxencias.

Por unanimidade aprobáronse os estatutos da Asociación de Concellos do Camiño de Santiago e a adhesión do Concello á devandita asociación, que busca poñer en común estratexias de acción entre os municipios polos que pasa a ruta xacobea. Tamén por unanimidade se aprobaron os estatutos da Rede española de Cidades Intelixentes (RECI) e deuse conta da adhesión de Santiago á Asociación da Rede Civinet España e Portugal. Esta asociación está formada por cidades preocupadas pola mobilidade sostible e constitúese como continuación do traballo realizado baixo o proxecto europeo subvencionado pola Dirección Xeral de Mobilidade da Comisión Europea, CIVINET, desenvolvido desde decembro de 2009. O fin principal desta Asociación é mellorar e desenvolver unha mobilidade respetuosa co medio ambiente.

Reposición de cable
Nesta sesión tamén se aprobou a modificación orzamentaria de crédito de 55.000 euros necesaria para a reposición de cable do alumeado público, como consecuencia dos recorrentes furtos que se están a producir na cidade. O Concello xa tivo que repoñer cable por importe de 180.000 euros. Na actualidade hai unhas 30 zonas da cidade que permanecen sen alumeado público por mor destas subtraccións. Non obstente, no próximo prego de condicións do mantemento do alumeado incluirase unha cláusula segundo a cal será a adxudicataria a que se teña que facer cargo da reposición do cable roubado. No actual contrato non existen ningunha cláusula que recolla este tipo de continxencia.

Finalmente, aprobouse de forma inicial a ordenanza reguladora do servizo municpal de axuda no fogar e a denominación dunha praza ubicada na rúa Fonte dos Concheiros como praza da República Oriental do Uruguay.

Compartir: