TURISMO

Vila de Cruces celebra o 9 de xuño a Festa do Galo de Curral

30/05/2013 O Hostal dos Reis Católicos acolleu a presentación da XX edición da Festa do Galo de Curral de Vila de Cruces, á que asistiu a concelleira de Turismo de Santiago, Reyes Leis. Vila de Cruces pertence ao novo Grupo Área Santiago, que une a 19 concellos próximos a Santiago para a súa promoción turística. Nesta ocasión estará adicada a Fito, fundador do Grupo A Roda, segundo dixo o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero. A xornada incluirá unha concentración de coches antiguos, o XIX Festival de Bandas de Galicia, actuacións musicais, unha degustación popular e a oferta gastronómica duns 20 locais de hostelería.

A Festa do Galo de Curral está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Xurdiu nun primeiro momento dende a Asociación de Criadores do Galo de Curral e ten un gran arraigo na comarca dende o ano 1993, cando se tratou de recuperar o galo de curral como prato gastronómico. A festa conta cun gran valor cultural, que pasa polo peso que nela ten a gastronomía, pola difusión do patrimonio cultural da zona, con especial predominio da arte románica, co mosteiro de San Salvador de Camanzo (século X) como máxima expresión, a posta en valor da artesanía e os produtos agroalimentarios, o mantemento das tradicións locais, as oportunidades que ofrece a natureza a través das diferentes rutas de sendeirismo, paseos a cabalo ou deportes náuticos que ofrece o encoro de Portodemouros e a posta en valor da difusión do medio rural deste concello pontevedrés.

O Galo de Curral de Vila de Cruces é un produto de alta calidade. O seu segredo basease en que os galos son alimentados de xeito totalmente natural con cereais durante un mínimo de nove meses, aínda que alcanza a súa plenitude aos 12. Chegado ese momento, sacrifícase e cociñase de xeito tradicional. Pertence á Rede Europea de Patrimonio Gastronómico grazas a gran calidade da súa carne, con moi pouca graxa, un sabor intenso e unha textura firme.

Compartir: