CENTROS SOCIOCULTURAIS

En marcha no novo centro sociocultural de Santa Marta un amplo programa de actividades

30/05/2013 A Concellería de Centros Socioculturais pon en marcha unha completa programación de actividades para os próximos meses de xuño e xullo destinada a todos os públicos.

Este novo equipamento municipal dispón de servizos diferenciados como un punto de información e atención ao público, a biblioteca José Saramago, unha aula de xogo, unha aula de novas tecnoloxias, salas de uso polivalente, zona expositiva, a sala Agustín Magán, unha sala de xuntanzas, unha terraza e unha zona wifi.

A programación prevista atende a diversas demandas e suxestións presentadas pola veciñanza do barrio e a propostas suxestivas achegadas polo novo equipo de programación deste centro. Inclúe obradoiros de plástica e construcción, contacontos, campionatos de xadrez, saídas en familia ou teatro en inglés.

Para as persoas maiores de 60 anos haberá cursos de ximnasia de mantemento con estiramentos, xadrez e achegamento ás novas tecnoloxias. Para a xuventude: conversas en inglés, curso de guitarra, Tai Chi ao aire libre, baile moderno e funky ou un monografico de teatro.

Hai tamén programadas diversas charlas de divulgación para o público en xeral sobre saúde e calidade de vida, economía doméstica, ademais da exposición de paneis "os dereitos dos nenos e das nenas", promovida pola ONG Intervida e que permanecerá no centro desde o día 1 ata o 15 de xuño. A programación específica na Sala Agustín Magán inclue diversas representacións e actividades ao longo do mes de xuño.

O centro desenvolverá tamén diversas actividades do programa específico Vive o verán 2013, como as Mañás de verán no mes de xullo que ofertan 30 prazas para nenos e nenas de 5 a 12 anos para participar dun variado programa de actividades de tempo libre de luns a vernes, en horario de 10 a 14 horas.

Compartir: