EDUCACIÓN

O Certame de Danza Intercentros chega ao Auditorio este domingo con 14 propostas escénicas na súa oitava edición

30/05/2013 A concelleira de Eduación, María Castelao, presentou xunto coas profesoras Eva Cancio e Beatriz Viñal o certame de danza intercentros, no que participan os alumnos e alumnas de educación infantil, primaria e secundaria inscritos nas actividades de danza extraescolares dos centros San Xosé de Cluny, Pío XII, López Ferreiro, IES Xelmírez I e Rosalía de Castro. O acto central terá lugar o domingo 2 de xuño no Auditorio de Galicia a partir das 19.00 horas.

As profesoras e organizadoras do certame, Eva Cancio e Beatriz Viñal, destacaron "o éxito de asistentes na pasada edición". A Asociación Cultural Danza Stellae, á que pertencen, elevou a proposta de celebrar un certame destas características ao Departamento de Educación do concello para tratar de "sacar a aprendizaxe dos rapaces e motivalos, dando a coñecer o seu traballo durante as actividades extraescolares".

Os obxectivos que persegue este certame son: achegar a danza á cidadanía, desenvolver a autonomía e iniciativa persoal, desenvolver a competencia cultural e artística, promocionar a sensibilidade musical, fomentar o traballo en equipo e aprender a valorar o traballo dos outros fomentando o respecto, o compañeirismo e a tolerancia.

O Certame de Danza Intercentros 2013 "Compostela en Danza" quere impulsar e apoiar o traballo que se está a realizar no eido da danza en educación infantil, primaria e secundaria. Despois de oito edicións son moitos os alumnos e alumnas dos centros de ensino da cidade que participan nesta actividade de promoción da danza.

A danza é un factor de desenvolvemento global (cognitivo, afectivo, social e motriz) e de autorrealización persoal. Desde un punto de vista pedagóxico é un elemento favorecedor de todo tipo de aprendizaxes dado que proporciona ao alumno unha gran variedade de experiencias e estímulos, así como un conxunto de vivencias útiles e necesarias para o seu axeitado desenvolvemento.

En total, o número de bailaríns que participarán neste certame é de 215 nun total de 14 representacións. (Programa completo no documento adxunto).

Documentos relacionados



Compartir: