DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

Santiago participa nun proxecto europeo de eficiencia enerxética

28/05/2013 A concelleira de Urbanismo e Desenvolvemento Sostible, María Pardo, e o diretor da Área de Urbanismo, José Oreiro, presentaron os dous proxectos europeos nos que participa Santiago e que teñen como obxectivo a busca dunha mobilidade sostible e da maior eficiencia enerxética.

A pasada semana tivo lugar na cidade sueca de Eskilstuna un encontro dentro do VII Programa Marco Europeo na convocatoria Energy Smart Cities para promover o proxecto PLEEC "PLANNING FOR ENERGY EFFICIENT CITIES". Neste programa, que busca a eficiencia enerxética na xestión das cidades, está incluído o Concello de Santiago.

Participan 18 cidades europeas, terá unha duración de 36 meses e contará cun presuposto global para tódalas cidades participantes de 3,8 millóns de euros. Levaranse a cabo estudios de eficiencia enerxética, boas prácticas de aforro enerxético e intercambio de experiencias de traballo en rede dos 18 países participantes co obxectivo de lograr unha ferramenta para conseguir un aforro da eficiencia enerxética nas cidades europeas mediante a conexión entre centros de innovación cualificados no sector enerxético. Trátase de desenvolver un plan de aforro con impacto positivo no custe medioambiental pero tamén cun obxectivo de eficiencia económica no uso da enerxía.

Mediante 75 indicadores propostos pola Universidade de Viena, que analizará os datos recopilados e sistematizados polos diferentes departamentos do Concello, poderase medir o grao de evolución da cidade para chegar a ser unha cidade intelixente, sostible e eficiente.

O departamento de Desenvolvemento Urbano e Sostible do Concello é o encargado de levar a cabo este proxecto de Smart City ou cidade intelixente.

REDE CiViNET

A concelleira de Urbanismo e Medio Ambiente, María Pardo, asistiu en Santander ao acto fundacional da Rede CiViNET España e Portugal como Asociación. 22 cidades preocupadas pola mobilidade sostible urbana, tres delas portuguesas e o resto españolas, déronse cita na cidade cántabra no marco do IV Foro Civitas España.

Esta Asociación constitúese como continuación do traballo realizado baixo o proxecto europeo subvencionado pola Dirección Xeral de Mobilidade da Comisión Europea, CIVINET, desenvolvido desde decembro de 2009.

O proxecto consiste na implementación e desenvolvemento dunha Rede CiVITAS en España e Portugal que aglutine a entidades públicas preocupadas pola mobilidade sostible. O fin principal desta Asociación é mellorar e desenvolver unha mobilidade respetuosa co medio ambiente.

Compartir: