SANIDADE

Santiago de Compostela será a capital europea da biotecnoloxía en 2014

28/05/2013 A Asociación Española de Bioempresas (ASEBIO) e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, organizarán a sétima edición de BioSpain, que terá lugar entre o 24 e o 26 de setembro de 2014 en Santiago de Compostela

A Xunta de Galicia e en particular a Consellería de Sanidade apostan pola innovación para o cambio cara a un modelo sostible que dea resposta aos retos da sociedade galega. A celebración de BioSpain 2014 en Santiago de Compostela contribuirá ao pulo e visibilidade da biotecnoloxía galega e da de todo o noroeste peninsular en xeral.

A candidatura presentada por esta Comunidade Autónoma está representada polas Consellerías de Sanidade, de Economía e Industria, de Medio Rural e Mariño e de Traballo e Benestar, e conta co apoio de tres universidades galegas, co sector empresarial do ámbito da biotecnoloxía, do ámbito da saúde e a sanidade e polo Concello de Santiago de Compostela.

Galicia puxo en marcha o plan de innovación sanitaria Hospital2050 e Innova-Saúde, cun investimento de máis de 90 millóns de euros. Ademais do sector saúde, vinculado á biotecnoloxía vermella, en Galicia teñen un peso destacado, especialmente no ámbito empresarial e produtivo, o sector da agroalimentación (nutrición, forestal, biomasa...) e o sector mariño (pesca, acuicultura...), tamén ligados á biotecnoloxía verde ou agroalimentaria. Ademais, tamén conta con multinacionais da área química que utilizan a biotecnoloxía industrial ou branca nos seus desenvolvementos.

Por outro lado, conta con tres institutos de investigación sanitaria, varios centros de coñecemento no ámbito da biotecnoloxía e dous Campus de Excelencia Internacional, Campus Vida, liderado pola Universidade de Santiago de Compostela e Campus do Mar, liderado pola Universidade de Vigo.

O evento bienal BioSpain 2014 celebrarase no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, situado ao final do Camiño de Santiago.

BioSpain estrutúrase nunha feira comercial, un evento de partnering, un foro de investidores, sesións plenarias e conferencias de temática diversa con relatores nacionais e internacionais e un foro de emprego e formación. A presidenta de ASEBIO, Regina Revilla, asegura que "Galicia está a demostrar un importante apoio á sociedade do coñecemento, á innovación sanitaria, e ao sector empresarial emprendedor, e por iso pensamos que é o marco máis adecuado para a celebración de BioSpain 2014. Conta cun ámbito sanitario de excelencia, considera a biotecnoloxía como liña estratéxica de crecemento e conta cun tecido empresarial conectado profundamente coas ciencias da vida".

Neste sentido, a Directora Xeral de Innovación e Xestión dá Saúde Pública da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, Sonia Martínez Arca, sinala que "Galicia ten un enorme potencial no ámbito da I+D+i biosanitaria, cunha importante capacidade de mobilización de recursos e de xeración de resultados con potencial de transferencia ao mercado. A celebración de Biospain en Santiago converte a Galicia nun referente nacional e internacional neste destacado sector da economía produtiva".

Compartir: