DEPORTE E NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

"Espello deportivo" achega as experiencias vitais de deportistas olímpicos galegos aos mozos e mozas de Santiago

27/05/2013 A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, xunto co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e Rubén Riós, responsable da empresa Claqueta Coqueta que leva a cabo a actividade, presentaron este programa que trata, en palabras da concelleira, de "promover os valores asociados ao deporte"

No programa Espello Deportivo, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, colaboran a Deputación da Coruña e as Concellerías de Xuventude e Normalización lingüística e a de Deportes do Concello de Santiago de Compostela.

O proxecto trata de promover valores asociados ao deporte- esforzo, compromiso, constancia…- dun xeito personalizado a través do exemplo dun deportista olímpico ou paralímpico galego. Estes exemplos poñen en valor diante dos mozos e mozas as prácticas e comportamentos que toda a sociedade quere promover, entre eles os que teñen que ver coa identidade e a lingua galega. "É difícil influenciar no eido comunicativo da xuventude por iso preténdese chegar a eles para promover o uso da nosa lingua no marco do deporte" testemuñou Valentín García.

"Trátase de incentivar o valor do esforzo relacionando deporte, xuventude, entrega e éxito coa nosa lingua" apuntou Rubén Riós.

O proxecto consiste en percorrer centros deportivos, centros de alto rendemento e outras entidades galegas como asociacións, centros de ensino, universidades con coloquios destinados a tódolos públicos e adaptados a cada tipo de centro. En cada un deles o actor e director Rubén Riós acompañará a intervención previamente preparada dun medallista olímpico ou paralímpico galego. Proxectarase un documental do deportista en situacións da vida cotiá, do seu entorno máis cercano, cos obstáculos e dificultades que afrontaron ao longo da súa traxectoria e permitindo un achegamento aos asistentes, reflexando un lado emocional máis alá dos logros acadados.

O mércores 29 a partir das 19h terá lugar un encontro no Centro Sociocultural so Ensanche co nadador paralímpico Sebastián Rodríguez Veloso "Chano". A entrada é de balde e aberta a todas as persoas interesadas ata completar o aforo.

Compartir: