TURISMO

A praza do Obradoiro acolleu os soldados imperiais de Star Wars

25/05/2013 Máis de 350 persoas disfrazadas de 'imperial stormtroopers', soldados imperiais, e outros personaxes da saga 'Star Wars' invadiron este sábado as rúas de Santiago de Compostela en homenaxe ao 30 aniversario da estrea do 'Retorno do Jedi'. No Concello foron recibidos polo alcalde compostelán, Ángel Currás. Esta iniciativa conta coa colaboración de Turismo de Santiago.

Os participantes neste "desfile imperial" percorreron as rúas compostelás tras partir ás 18.00 horas do Instituto de Xelmirez I, onde os soldados foron convocados pola Tropa Korriban, o colectivo que decidiu reeditar esta iniciativa tras o éxito obtido na anterior cita en 2010 con motivo do 30 aniversario de 'O imperio contraataca', a segunda das películas realizadas por George Lucas para a triloxía clásica.

Deste modo, e tras percorrer durante máis de hora e media as rúas da capital galega, as tropas imperiais, acompañadas doutros personaxes da saga como Darth Vader ou a princesa Leia, foron recibidas na Praza do Obradoiro por unha multitude de veciños e turistas que se achegaron para ver os protagonistas da Guerra das Galaxias.

Unha vez situadas na zona habilitada ante o Pazo de Raxoi, as tropas foron recibidas polo alcalde compostelán, Ángel Currás, quen presentou o evento e deu a palabra ao mítico personaxe do 'lado escuro' Darth Vader.

Na súa intervención, Darth Vader despregou no palco do Pazo de Raxoi unha pancarta na que podía verse o rostro do falecido Constantino Romero, voz que dobrou este personaxe na ficción, e ao que os asistentes homenaxearon ao emitir un corte dunha das súas intervencións na saga.

Compartir: