COMERCIO

O Concello acolle unha nova xuntanza da Mesa do Comercio

24/05/2013 A Mesa do Comercio compostelán, composta polas administracións e polo axentes vinculados co sector comercial da cidade, reuniuse hoxe pola mañá no Pazo de Raxoi. Dende o Concello informouse aos compoñentes da Mesa das actividades de dinamización comercial previstas para o mes de xuño, logo de que precisamente hoxe rematasen as actividades dos Premios do Comercio.

Entre estas destaca a posta en marcha do "Directorio comercial da cidade", ferramenta baseada na localización xeográfica que permitirá ao cidadán e visitante buscar e localizar en calquera momento o comercio que precise para atender as súas necesidades, a través da información que se colgará na páxina web municipal. Deste xeito se ofrece ao comerciante unha publicidade para o seu negocio totalmente gratuíta. Os comercios interesados deberán facilitar ao Concello os seus datos comerciais e autorizar ao Concello á súa publicación.
Na reunión tamén se presentaron os proxectos de dinamización comercial das asociacións de comerciantes da cidade para a emisión de informe pola mesa local de comercio de conformidade co disposto no artigo 3 b) do Decreto 183/2011, de 15 de setembro, polo que se regulan as mesas locais de comercio.

Ademáis, comentouse a integración de novas asociacións de comerciantes existentes na cidade. Neste sentido a mesa manifestou que en tanto as mesmas cumpran os requisitos legais esixidos, e comezará a súa integración. Así como deuse conta do cambio do representante da Xunta de Galicia.

A Mesa do Comercio está composta agora por representantes do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, a Cámara de Comercio, a Federación de Comercio da provincia de A Coruña, a Fundación Santiago Centro, o Centro Comercial Aberto Compostela Monumental, Acotes, o Mercado de Abastos, e a Unión de Consumidores de Galicia.

Compartir: