VIVENDA

Ábrese o prazo para solicitar as vivendas de aluguer de Belvís

14/06/2006 Ata o vindeiro venres 29 de xuño permanecerá aberto o prazo para solicitar unha das 70 vivendas de promoción pública de Belvís. Os pisos serán adxudicados en réxime de aluguer sen opción a compra por un prazo máximo de dez anos. Para poder optar a estas vivendas, os interesados deben ter entre 18 e 35 anos, residir ou traballar e Santiago dende alomenos dous anos, e ter uns ingresos por unidade familiar ou convivencial etre 479,10 euros e 1.676,85 euros brutos ao mes.

Os solicitantes poden recoller os impresos normalizados no Concello de Santiago, nos servizos centrais do Instituto Galego da Vivenda e Solo en Santiago de Compostela e nas oficinas desta entidade na Coruña. Estes impresos poden entregarse en calquera rexistro público, incluídas as oficinas de correos, e deben enviarse á Xunta Cualificadora da Coruña con enderezo Praza Luis Seoane s/n Edificio Servizos Múltiples, 9º andar 15784 de A Coruña. Acompañarase fotocopia do DNI, e a resolución do recoñecemento da minusvalía, de selo caso.

Está previsto que o 1 de setembro se realicen os catro sorteos: un para as 36 vivendas de dous dormitorios entre unidades familiares ou convivenciais sen fillos, outro para as 28 vivendas de tres dormitorios entre unidades con un ou dous fillos, outro para as 4 vivendas de catro dormitorios para as unidades con tres ou máis fillos, e un sorteo para as dúas vivendas de 3 dormitorios adaptadas a persoas con minusvalía física.

A partir da data do sorteo abrirase un prazo de quince días para que os integrantes desta lista presenten a documentación: fotocopia da declaración do imposto sobre a renda e patrimonio do último exercicio, certificado catastral de bens inmobles e do Servizo de Índices do Rexistro da Propiedade, se o solicitante ou algún membro da unidade é titular de bens inmobles, e certificado municipal de empadroamento do demandante.

A duración inicial do contrato será de cinco anos a partir da data de sinatura. Rematado ese primeiro contrato, o beneficiario poderá renovalo anualmente, ata un máximo de cinco, acreditando que segue a cumprir os requisitos, a excepción do da idade de 35 anos.

Os prezos do aluguer oscilarán, en función da vivenda adxudicada e do nivel de renda, entre os 134,08 e os 206,11 euros mensuais. Está previsto que as vivendas estean listas para ser entregadas a finais de 2006.

Máis información e documentación na Oficina de Vivenda (Departamento Municipal de Servizos Sociais), sita na Praza da Constitución, s/n. Teléfonos: 981 542485 / 981 542467. Tamén na páxina web da Consellería de Vivenda e Solo.

Documentos relacionados



Compartir: