BENESTAR SOCIAL

O Día da Familia celebrarase finalmente na Praza Roxa

23/05/2013 As actividades que a Concellería de Benestar Social organiza este sábado para celebrar o Día Internacional da Familia terán lugar finalmente na praza Roxa dado que a predicción meteorolóxica para a fin de semana anuncia sol e temperaturas agradables.

Tíñase previsto trasladar o evento a Áreal Central en caso de choiva pero finalmente non vai ser necesario. O sábado lucirá o sol e será un aliciente máis para visitar os xogos, obradoiros e mesas informativas que se instalarán no Ensanche.

Dende as 16:00 ás 21:00 horas celebraranse diversos obradoiros para nenos e nenas de broches, chaveiros, mandís, bolsas, etc. Os pequenos tamén terán inchables á súa disposición durante a xornada. E entre as 18:30 e as 19:30 horas, contacontos baixo o título "A miña mamá contoume", a cargo de Fran Insua. Os protagonistas dos contos son nais, pais, fillos e avós enredados en situacións cotiás.

Os que se acheguen ata a praza Roxa tamén poderán atopar as mesas informativas dispostas por diversas asociacións e entidades de iniciativa social, que divulgarán o importante labor que realizan. En concreto participarán Cruz Vermella, Red Madre, Agadea, Unión Galega de Epilepsia, Asociación de Hiperactivos e Asem Galicia.

Segundo indicou a concelleira responsable, María Castelao, os eixos principais desta xornada son o recoñecemento á institución da familia e a concienciación dos cativos na igualdade de xénero e na corresponsabilidade nas tarefas do fogar.

Compartir: