CULTURA

O alcalde presentou o ciclo de Música Contemporánea ao Inaem e ao Centro Nacional de Difusión Musical

22/05/2013 O vindeiro 3 de xuño serán presentadas en Santiago unhas xornadas de Música Contemporánea organizadas polo Departamento de Cultura do Concello en coprodución co Centro Nacional de Difusión Musical, institución dependente do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. O alcalde foi a Madrid para presentar o programa completo tanto no Centro nacional como no Instituto Nacional das Artes Escéncias e Musicais.

O ciclo de Música Contemporánea celebrarase nos meses de setembro e outubro deste ano e inclúe seis concertos do Centro Nacional de Difusión Musical e 24 de actividades didácticas nos que participan a Real Filharmonía ou a Sinfónica da Coruña, entre outras agrupacións.

O alcalde reuniuse co director xeral do INAEM, Miguel Ángel Recio, e co director do Centro Nacional para a Difusión da Música, Antonio Moral, co fin de explicarlles o programa completo. Este proxecto de colaboración entre Santiago e estas dúas institucións nace con vocación de continuidade.

O Centro Nacional de Difusión Musical, unidade do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música, recolleu as actividades que antes englobaban o Centro para a Difusión da Música Contemporánea, o Centro Nacional das Músicas Históricas de León e a programación propia do Auditorio Nacional de Música, configurando unha proposta xeral que amplia eses límites sonoros.

Entre os cometidos deste centro están o de fomentar e difundir a música contemporánea española; recuperar, pór en valor e difundir as músicas históricas en calquera dos seus estilos, así como atender a outros repertorios non habituais da música clásica e da tradición popular culta, que requiran este apoio específico para o seu adecuado coñecemento e difusión.

Compartir: