EDUCACIÓN

Péchase a campaña educativa "En cada rostro igualdade"

14/06/2006 A concelleira de Educación e Mocidade presidiu a clausura da campaña educativa "En cada rostro igualdade", do Foro de Inmigración de Santiago, o mércores 14 de xuño. Nesta iniciativa participaron alumnos e alumnosas de terceiro e cuarto da ESO e pretendía favorecer a integración do colectivo inmigrante e a convivencia respectuosa entre as diferentes culturas. Ao mesmo tempo, intentaba comprometer ao alumnado na construción dunha sociedade máis xusta e humana.

A campaña desenvolveuse nos centros de ensino da cidade entre os meses de febreiro e marzo. En concreto, participaron o Colexio La Salle, o IES Eduardo Pondal, o IES Rosalía de Castro e o IES de Sar, que recibiron un diploma e un distintivo pola súa participación neste programa.

No acto tamén participou un grupo de escolares de danza do Instituto Xelmírez I, dirixidos pola profesora Beatriz Viñal, coa coreografía "Muller Area", que trata de reflectir a situación que viven as mulleres dalgunhas sociedades actuais sometidas á imposición do uso do burka.

Compartir: