DEPORTES

Día Autonómico do Minibásquet: unha festa da canastra que cumpre 10 anos

21/05/2013 O Multiusos Fontes de Sar acollerá o 8 de xuño dende as 9 da mañá a 1.400 nenos de toda a comunidade para desputar un total de 104 partidos en nove pistas simultáneas do pavillón santiagués, unha máis que na edición anterior. Á presentación asistiu o concelleiro de Deportes, Adrián Varela.

Xusto cando o baloncesto santiagués vive a súa época máis dourada cun dos seus equipos, por primeira vez, entre os oito mellores de España, e cando o básquet galego rexorde coando 19 anos despois (dende 1994 non se conseguía) un representante nas eliminatorias polo título da ACB, o Día Autonómico do Minibásquet únese a ese momento de ouro. Unha das citas máis importantes do deporte base en Galicia cumpre a súa décima edición confirmando o seu obxectivo de consolidarse ao longo do tempo. O Multiúsos Fontes do Sar acollerá o sábado 8 de xuño un evento organizado polo Grupo Correo Galego, coa colaboración do Concello de Santiago e a Federación Galega de Baloncesto e a axuda dos patrocinadores que posibilitan que siga converténdose en realidade.

"Santiago está a ser un referente do baloncesto de élite, e este día será un referente do deporte de base", sinalou na presentación Adrián Varela, concelleiro de Deportes. "Hai que facer un chamamento ao Blusens Monbus, que empeza a traballar un pouquiño máis a canteira. Este vai ser un día excepcional para poder ver a grande oferta de xogadores que temos en Galicia. Moitas veces non fai falta irse fóra, senón que aquí na comunidade e en Santiago temos grandes xogadores", remarcou o concelleiro.
A ese referente para os máis pequenos que supón o Obra, como se pode comprobar nas bancadas de Sar cada vez que os de Moncho Fernández actúan como locais, tamén se referiu Francisco Martín Micó, presidente da Federación Galega de Baloncesto. "Que o Obradoiro estea entre os oito mellores de España é un aliciente para os 1.400 nenos que van participar nas actividades do Día do Minibásquet", apuntou, antes de declarar en nome de toda a organización: "Facémolo con toda a ilusión para que os nenos gocen e se animen a practicar deporte en xeral, e se é baloncesto moito mellor."

Compartir: