EDUCACIÓN

A concelleira de Educación fixo entrega dos premios do XVIII Certame de Teatro Intercentros

21/05/2013 O Teatro Principal acolleu o acto de entrega dos galardóns do XVIII Certame de Teatro Intercentros, ademais da representación da obra gañadora: A Catedral, interpretada polo grupo Bululú, formado por alumnos de secundaria dos IES Lamas de Abade e Pontepedriña.

A edila de Educación, María Castelao, fíxolles entrega do galardón que os acredita como gañadores desta edición na categoría de secundaria, pois foron os que máis votos obtiveron por parte dos asistentes ás funcións realizadas nos salóns de actos do IES Xelmírez, Rosalía de Castro e na escola de Maxisterio.

O argumento fálanos dun grupo de pelegríns de orixe francesa que percorre un camiño imaxinario que en realidade é unha andaina no tempo. Estas personaxes convérsense en testemuñas privilexiadas de tres momentos puntuais e trascendentais na historia do elemento patrimonial máis importante da cidade, a Catedral.

Mellor actor e actriz
No acto tamén se entregaron os premios a mellor actor e actriz. Fixéronse co galardón Jose Vera, polo seu papel na obra Disparate, do IES Rosalía de Castro, e
Ángela Sánchez, pola súa interpretación na obra A Onda, do Xelmírez I. Os gañadores estiveron nominados xunto con Manuel Lista (Horror Kavaret, do IES Antón Fraguas), Unai de Larrinaga (Amorías de praza do IES Rosalía de Castro), Andrés Negueruela (A Onda), Camila Mailén Bóveda (Horror Kavaret), Ángela Orosa (A Onda), Xiana Otero (Horror Kavaret) e Carlota Barrenetxea (A Onda).

Os organizadores quixeron lembrar a gran calidade de todas as obras representadas, o meritorio traballo de todas as persoas participantes e, segundo os votos do xurado, destacar o traballo desenvolvido e o nivel das representacións dos seguintes grupos: a direccion de Gustavo Dieste e o vestiario da obra Horror Kavaret do IES Antón Fraguas; a dramaturxia sobre textos de Fernando Arrabal da obra "Disparate" do IES Rosalía de Castro, dirixida por Xosé Arca; e a elección por parte de Daniel Baamonde da obra "A Onda" do IES Xelmírez I, como temática social dada a coxuntura politica e ideolóxica europea.

O vindeiro luns, 27 de maio, será o turno para a representación da obra gañadora de primaria, tamén ás 20 horas no Teatro Principal. Trátase de "Non sen o meu teléfono móbil", do grupo A aula do fondo do CEIP Lamas de Abade.

O Certame deu comezo o 8 de abril e durante unha semana os diferentes grupo de teatro de Santiago e comarca participantes fixeron as súas representacións nos salóns de actos dos IES Xelmírez I, Rosalía de Castro e na Escola de Maxisterio. O propio alumndo asistente e diferentes profesionais de teatro foron os encargados de elixir as obras e os grupos gañadores das categorías de educación secundaria e educación primaria, así como o mellor actor e mellor actriz en cada categoría.

Centros que participaron no Certame (categoría de educación secundaria): IES ANTÓN FRAGUAS, IES ROSALÍA DE CASTRO, IES XELMÍREZ I, IES EDUARDO PONDAL, IES PONTEPEDRIÑA, IES LAMAS DE ABADE, E CPI DE VEDRA.

Compartir: