Turismo

O Grupo Área Santiago reúnese co Director Xeral de Conservación da Natureza para potenciar o turismo fluvial

20/05/2013 Un dos primeiros proxectos do Grupo Área Santiago é "A pesca como recurso turístico", xa que conta con dous dos ríos máis importantes de Galicia, o Ulla e o Tambre, e polos seus múltiples afluentes.

Os concellos da Área Santiago, representados polos Concellos de Santiago, Teo e A Estrada, integrantes da Comisión de Pesca, reuníronse co Director Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, Ricardo García Borregón, co obxecto de analizar vías de colaboración conxunta para potenciar a pesca e o turismo fluvial. Nas vindeiras semanas manteranse reunións técnicas entre o Grupo e a Dirección Xeral para estudar as vías posibles para poñer en valor turístico os importantes recursos fluviais cos que se conta.

O Grupo Área Santiago estableceu, a proposta do Concello de Teo, que un dos primeiros proxectos que desenvolverá será: "A pesca como recurso turístico". Pártese de dous feitos: por unha banda o territorio do grupo está fondamente marcado por dous dos ríos máis importantes de Galicia, o Ulla e o Tambre, así como polos seus afluentes; por outra banda, a pesca ten demostrado noutros territorios, como Canadá, Irlanda, ou países do leste de Europa, que pode ser un recurso turístico con gran atractivo.

O río Ulla é, por lonxitude e caudal, o terceiro río en importancia de Galicia. Ten una lonxitude total de 132 kms. A segunda conca fluvial en importancia da Área Santiago é a do río Tambre con unha lonxitude total de 134 km e con dous afluentes salientables como son o Dubra (15 kms.) e, sobre todo, o río Lengüelle (27 kms.). Tamén o río Umia pasa polo Concello de A Estrada.

A reunión co Director Xeral enmárcase no obxectivo definido dentro do Grupo Área Santiago para poñer en funcionamento un proxecto conxunto de cara a temporada de pesca do 2014, promovendo prioritariamente a pesca sen morte co fin de garantir a necesaria sostibilidade dos ríos.

O grupo Área Santiago constituirase formalmente o vindeiro 27 de maio coa sinatura dun protocolo de colaboración por parte dos alcaldes dos 19 concellos constituintes, que suman unha poboación de 270.000 persoas e unha extensión de preto de 2.500 kms², aproximadamente un 10% da extensión de Galicia. Os concellos que forman parte de Área Santiago son: A Estrada, Ames, Arzúa, Boqueixón, Brión, Lalín, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces.

Compartir: